O FIOT posiciónase a favor da igualdade coa campaña "Somos fioteiras", na que participan mulleres de Carballo
Dentro da programación de sala, "Fedra", "Playoff" e “Iphigenia en Vallecas” poñen á muller no primeiro plano e representan a aposta do festival neste eido
Venres 5 de outubro do 2018
Presentación da campaña "Somos fioteiras", hoxe
A 27ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) posiciónase a favor da igualdade e en contra da discriminación de xénero, polo que programou unha serie de accións que pretenden concienciar, reinvindicar e integrar o papel da muller na sociedade entre os seus valores. Pero o obxectivo de dar visibilidade á muller nas artes escénicas non será cuestión dunha edición, senón que terá continuidade, xa que a organización do FIOT entende o teatro como unha ferramenta social que promove o cambio.
Tres obras de sala e unha campaña co lema Somos fioteiras constitúen a toma de posición do FIOT na loita pola igualdade. Hoxe tivo lugar no complexo deportivo das Eiroas, coa participación do presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; a concelleira de Igualdade, Maica Ures, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, a presentación dunha campaña gráfica na que participan mulleres de Carballo que representan distintos sectores da sociedade, o lecer (a través do surf), a industria (repostería), a música (rock) e o deporte (fútbol). Nesta inicitiva participan as mozas das escolas deportivas Luis Calvo Sanz, un dos poucos clubs galegos que apostan pola canteira feminina nun deporte como o fútbol. Elas tamén participaron na presentación da campaña, que se difundirá nos vindeiros días.
Tres obras de sala
Dentro da programación de sala, a primeira cita co teatro que responde a esta filosofía será o venres 12 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura. A Nova Compañía presentará PlayOff, peza que fala de mulleres que queren romper cos teitos de cristal do deporte. A obra é da dramaturga Marta Buchaca, que profundiza no universo feminino nun ámbito tan abonado para o machismo como o do deporte, e en particular o fútbol.
A representación transcorre no vestiario dun polideportivo, onde sete mozas expoñen os seus medos e ilusións, inquedanzas e reivindicacións, todo con bastante humor. O fútbol nesta reivindicativa traxicomedia é unha escusa que a súa autora utiliza para falar das inxustas situacións ás que, aínda hoxe, se enfrontan as mulleres.
Fedra é a segunda obra que reivindica a igualdade. A cita é no Pazo da Cultura o sábado 13 ás 20.30 horas. A Fedra que se estrea en Carballo e á que Lolita Flores inxectará paixón sobre o escenario, é “unha historia de liberdade e de amor, porque Fedra é unha historia de desamor e por tanto de amor”, conclúe Luis Luque, o director da obra, que engade: “O que quixemos con esta Fedra é sacar ao personaxe dese letargo no que sempre se atopou para crear unha muller máis combativa e con menos medos; unha persoa que, fuxindo da traxedia, mergúllase de cheo no personaxe e pelexa fronte a fronte; unha muller sen culpas, capaz de loitar polo que quere e que, ante todo, atrévese a amar”.
O bloque final da campaña en pro da igualdade correrá a cargo de Serena Producións coa obra Iphigenia en Vallecas. A posta en escena será o sábado 20 de outubro ás 20.30 horas . A obra, protagonizada por María Hervás, versa sobre a vida dunha moza sen recursos que sobrevive como pode e que “nin estuda, nin traballa, nin sabe que facer coa súa vida”. O seu autor, Gary Owen, gañou o premio ao mellor texto no Festival de Edimburgo.