O 20º aniversario da Rúa dos Contos e dous grandes coma Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán marcan o arranque do FIOT
As entradas para “Somos criminais” esgotáronse en menos de dúas horas
Venres 28 de setembro do 2018 Cultura
Carballo ten desde esta noite o seu propio Paseo da Fama
Arrinca o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), o corazón do teatro en Galicia. E faino cunha celebración moi especial: a Rúa dos Contos, o ciclo máis irreverente do festival, cumpre 20 anos baixo o lema Noites de Rúa Chea. E con nocturnidade, un grupo de artistas locais converteron a rúa Valle-Inclán no Paseo da Fama dos actores e das actrices que teñen pasado por este ciclo.
A primeira actuación na Rúa dos Contos terá lugar hoxe ás 22.00h na Cafetería Colón, con Avelino González e o seu espectáculo Contos de contrabando. Avelino é un actor de teatro coñecido polos seus traballos en series de televisión que tamén destaca como monologuista. A gran festa da Rúa dos Contos continúa ás 00.00h no Mesón do Pulpo con Marcos Pereiro e o seu monólogo Como ser armario empotrado. Pereiro é un dos actores cómicos máis relevantes de Galicia e este ano realiza a súa estrea no noso ciclo.
Sábado
Mañá sábado continuarán os espectáculos da Rúa dos Contos no Mesón A Cabaña, onde ás 13.00 horas Peter Punk presentará En cru, un espectáculo sen tregua, cheo de humor e malabares. O sábado tamén terá lugar a primeira das representacións programadas no Mercado Municipal: ás 21.00 horas e para todos os públicos Manoliño Nguema ofrecerá Ngoan ntangas, dous mundos que se tocan. Trátase dunha viaxe persoal e creativa que levará ao público desde a Guinea postcolonial á España dos anos 60 para ir descubrindo os lazos culturais que unen a ámbolos dous países.
A terceira representación do sábado será ás 00.00 horas no Bulebar Music Café, onde Víctor Grande poñerá en escena o espectáculo A vida pasa voando, peza que reborda humor, canción satírica e inclúe a interacción co público.
Domingo
A xornada dominical comezará cunha nova representación da Rúa dos Contos, ás 13.00 horas no Casino 1889: Lupe Blanco e Bieito Lobariñas protagonizarán unha improvisación con retranca ao estilo máis tradicional de Galicia.
Tamén o domingo chegará ao Pazo da Cultura uno dos espectáculos máis esperados polo público: Somos criminais (20.30 h.), con Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, dous cómicos que baten marcas de espectadores con esta proposta escénica. A serie de televisión Fariña catapultounos este ano coma actores televisivos a nivel nacional no papel de narcotraficantes. Proba do seu tirón é que entradas para este domingo esgotáronse en menos dúas horas. Somos criminais é un espectáculo difícil de definir: “Teatro?, pode ser; show cómico?, vaia vostede a saber; un experimento?, isto sen dúbida. Xulguen e decidan vostedes”.