ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN ATA O DÍA 15
A infancia carballesa tamén participa no deseño do Carballo do futuro a través dun obradoiro de urbanismo e patrimonio
A Praza do Concello converterase durante cinco días nun campo de xogos e de aprendizaxe que lles permitirá coñecer mellor a cidade
Martes 10 de xullo do 2018
Unha das actividades consiste en "enmarcar" os elementos imprescidibles na cidade
Nos procesos de participación pública que ten en marcha o Concello de Carballo tamén teñen cabida os nenos e nenas. Do 16 ao 20 deste mes terán a oportunidade de participar no obradoiro de urbanismo e patrimonio A cidade do mañá, unha iniciativa na que colaboran o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e Post Arquitectos, coa que queremos estimular unha actitude crítica para que comecen o seu desenvolvemento coma cidadanía activa, xa que eles e elas serán os/as responsables do Carballo do futuro.
O obxectivo do obradoiro, que vai dirixido a nenos e nenas de 5 a 12 anos de idade, é incluír á infancia nos procesos de construción do espazo común, partindo da cidade coma unha ferramenta educadora sobre a cal a cidadanía ten dereito ao seu desfrute e á súa transformación.
Para acadar esa participación activa transformaremos temporalmente o espazo público traballando desde o punto de vista da arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. A Praza do Concello, onde se desenvolverá o obradoiro, converterase durante cinco días nun campo de xogos e de aprendizaxe. A grandes trazos, nos talleres traballarase a percepción de Carballo e a valoración que fan os nenos e nenas do lugar no que viven, e traballarase partindo de distintos conceptos arquitectónicos (plano horizontal, o ceo, os elementos bidimensionais e tridimensionais, a proporción...) para que presenten a súa propia proposta de cidade.
A modo de exemplo, o obradoiro convidará a que os nenos e nenas reflictan por medio de debuxos como ven eles Carballo, tamén sairán á rúa cun gran marco para “enmarcar” aqueles elementos imprescindibles para eles/as, probarán diferentes texturas no chan e utilizarano como soporte para os seus proxectos, xogarán con espellos para buscar distintos reflexos da vila, apropiaranse de espazos urbanos para o xogo ou construirán novos elementos arquitectónicos con caixas de cartón, entre outras actividades.
O obradoiro celebrarase ao longo da semana que vén, de luns a venres, de 10 a 14 horas. O prazo de inscrición xa está aberto, e as prazas son limitadas. O formulario pode descargarse máis abaixo e debe presentarse por rexistro.