Xa está á venda a revista do San Xoán!
Este ano as persoas interesadas teñen os exemplares á súa disposición na Biblioteca Rego da Balsa a un prezo simbólico de 2 euros
Martes 5 de xuño do 2018
A Asociación Cultural San Xoán xa ten á venda a revista das festas, unha publicación que ano tras ano recolle a información máis destacada sobre as celebracións patronais de Carballo e interesantes artigos sobre o noso municipio e a comarca. As persoas interesadas poden mercar o seu exemplar na Biblioteca Rego da Balsa, que está aberta ao público de luns a venres de 10.30 a 20.30 horas ininterrompidamente e os sábados de 10.00 a 13.00. A revista ten un prezo simbólico de 2 euros.
O cartel de Juanlu Fernández, gañador do concurso anual que convoca a comisión, ilustra a portada da publicación, que ao longo de 200 páxinas debulla algúns dos aspectos máis destacados do programa, entre eles o Rockin’, o concerto de Café Quijano, o tributo de Zen Garden a U2 ou a actuación da orquestra París de Noia, que terá lugar esta mesma semana. Tamén figura toda a información sobre os concursos, para os cales sigue aberto o prazo de inscrición, e ademais hai interesantes entrevistas tanto co autor do cartel coma co pregoeiro deste ano, Jorge Mira, e publícase o pregón completo que pronunciou Ángel Carracedo no 2017. Pero a diferenciación da revista do San Xoán reside principalmente nas achegas de multitude de colaboradores a través de artigos históricos, de actualidade ou sobre etnografía, de ilustracións e fotografías ou de poemas.
A Asociación Cultural San Xoán quere recoñecer, un ano máis, a participación desinteresada dos autores e autoras dos artigos que tanto enriquecen a publicación. Así mesmo, agradece a colaboración das empresas que fan posible que a revista poida estar a disposición dos carballeses e carballesas.