Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

PRESENTACIÓN DAS FESTAS DE CARBALLO

A “noria” do San Xoán xirará este ano durante un mes completo para espallar a festa por toda Galicia

A París de Noia abrirá o día 8 o programa de actuacións musicais, no que ademais de orquestras de éxito figuran o Rockin’, Café Quijano e o mellor tributo a U2 do mundo

Venres 1 de xuño do 2018

A noria volverá a ser un dos elementos claves do San Xoán, porque este ano non só estará no San Martiño para encher de máis animación aínda a zona das barracas, senón que tamén forma parte do cartel anunciador das festas de Carballo. Presentámolo hoxe en primicia coa presenza do seu autor, o ferrolán Juan Luis Fernández Juanlu, gañador por segunda vez do concurso organizado pola comisión de festas. No acto, ao que asistiron un bo número de colaboradores/as e patrocinadores/as, interviñeron a presidenta da Asociación Cultural San Xoán, María José Souto Cristóbal; a concelleira de Festas, Mar Eirís; o concelleiro de Mocidade, Daniel Pérez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Este ano a noria simbólica do San Xoán xirará durante un mes completo para espallar a festa por toda Galicia e contribuír a que, como apuntou o alcalde Carballo brille tanto coma o propio cartel. Se xa no 2015 Juanlu sorprendera cunha cachela chea de cor, nesta ocasión consegue darlle outra volta de torca aos elementos tradicionais das nosas festas introducindo un referente moito máis recente como é a noria. Un ano máis, o concurso, ao que se presentaron un total de 65 propostas, estivo patrocinado por Opticalia Enríquez. En representación da empresa, Belén Enríquez fíxolle entrega ao gañador do premio, dotado con 450 euros.

Programación musical

A presidenta da comisión comezou cun convite á participación, xa tradicional nos sete anos que leva á fronte do equipo, e a “vivir con ilusión cada un dos días da festa”. E neste 2018 serán moitos, porque, aínda que o programa inclúe actividades xa desde hoxe, os pratos fortes empezarán a servirse o día 8 coa primeira verbena, na que contaremos coa orquestra París de Noia. E non será o único dos grandes conxuntos musicais de moda que pasarán pola Praza do Concello, porque, como avanzou María José Souto Cristóbal, tamén recibiremos a Trébol, Compostela, Nebraska, Olympus, e Anaconda. A programación musical, que desvelou a presidenta na súa integridade, inclúe tamén bandas de gaitas carballesas, bandas, charangas, pinchadiscos e dúas actuacións de tanto calibre como as dos consagrados Café Quijano (24 de xuño) ou a do mellor tributo a U2 do mundo, os italianos Zen Garden (16 de xuño).

Belén Enríquez entregoulle o premio do concurso do cartel a Juanlu Fernández

Belén Enríquez entregoulle o premio do concurso do cartel a Juanlu Fernández

Á referencia á programación musical completouna Daniel Pérez como responsable da organización do Rockin’ Carballo, un festival de música alternativa que sigue apostando por grupos nacionais e internacionais que destacan pola potencia e a calidade dos seus directos, e que ademais renova a fórmula iniciada o ano pasado coa ampliación do festival a toda unha xornada (30 de xuño), con sesión vermú, sesión vespertina e sesión nocturna. Este ano a puntualidade será máxima e a intención é rematar sobre a 01.30 horas para que todo o mundo poida gozar ao día seguinte da Festa do Bosque.

A concelleira de Festas destacou tanto a programación da Festa do Bosque coma os concursos que se celebrarán ao longo de todo o San Xoán, e que este ano contan con novos patrocinadores. Ata o 20 de xuño está aberto o prazo para participar no Concurso de Cachelas (23 de xuño) e no Descenso do Anllóns (25 de xuño), e na Festa do Bosque (1 de xullo) volveremos a contar co Concurso de Doces e a Baixada de Barcos de Papel. Mar Eirís fixo un convite á participación veciñal, agradeceu a colaboración dos distintos departamentos municipais implicados na festa e destacou a importancia que ten o San Xoán tamén desde o punto de vista económico.

Jorge Mira, pregoeiro

O peche da presentación correspondeulle ao alcalde, que ademais de pedir bo tempo, unha tradición na súa intervención, desvelou a identidade do pregoeiro, o físico Jorge Mira, que “grazas a estudar en Carballo chegou a ter o currículo tan brillante que ten”, dixo en broma. Ao científico baiés corresponderalle a apertura da semana grande o día 21. Vémonos no San Xoán!

Descargas

Compartir: