Carballo lembra a loita veciñal pola recuperación da marisma de Baldaio cunha xornada cultural, histórica e reivindicativa
O Concello e a Irmandade Moncho Valcarce celebrarán un acto aberto na Bibilioteca Rego da Balsa o martes 8, coincidindo co 41º aniversario da manifestación que cambiou a historia de Baldaio
Domingo 6 de maio do 2018
O 8 de maio de 1977 é unha data histórica en Carballo. Aquel domingo de feira tivo lugar un dos acontecementos máis multitudinarios que se lembran: unha manifestación para reclamar a devolución da marisma de Baldaio á veciñanza despois de trinta anos de explotación por parte dunha concesión marisqueira que realmente se dedicaba á extracción masiva e ilícita de area.
41 anos despois, o Concello de Carballo e a Irmandade Moncho Valcarce queren lembrar aos homes e mulleres que loitaron pola recuperación dun dos espazos naturais máis importantes de Galicia cunha xornada histórica, cultural e tamén reivindicativa. Ao mesmo tempo renderán homenaxe ao Cura das Encrobas, un home que desde o seu pensamento humanista e cristián, revolucionario e místico, dedicou a súa vida a convivir, defender e sufrir coa xeste máis vulnerable, tamén coa xente de Baldaio.
Un cartel conmemorativo deseñado pola ilustradora Laura Romero anuncia os actos que se levarán a cabo este martes 8 de maio, 41 anos despois daquela data histórica, a partir das 20.00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa. Comezarán coa breve peza teatral Sen previo aviso, a cargo do cadro de teatro do coro Cántigas da Terra, interpretada por Xurxo Baña e dirixida por Moncho Iglesias, en homenaxe a Moncho Valcarce.
De seguido procederase á presentación e á proxección do documental Area nos ollos, dirixido por Iván Seoane e con guión de María Rama, que relata a loita pola recuperación da marisma de Baldaio. A película, do ano 2007, céntrase nos acontecementos do 8 de maio de 1977, consecuencia de décadas de explotación da marisma de Baldaio, na que chegaron a extraerse máis de cen camións de area diarios. “A extracción –lembra a presentación do documental- repercutía negativamente na vida dos vecinos de Lema. Víanse privados do seu medio de vida, o marisqueo comunal; moitas zonas de pastoreo foron asulagadas e non se lles permitía baixar á praia a gozar dela; ademais de estarse provocando na zona unha catástrofe medioambiental, debido ao mal uso das comportas, que se abrían e pechaban en función dos intereses da empresa e non segundo as mareas. Dende o primeiro momento, os vecinos da zona amosaron a súa oposición ao que en Baldaio estaba a acontecer, chegando o seu punto álxido coa manifestación do 8 de maio de 1977 en Carballo e que reuniu a preto de 5.000 persoas na capital bergantiñá”.
A xornada pecharase cunha mesa redonda na que participarán, entre outros protagonistas daquela loita vecinal, o actual alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.