HAI 30 PRAZAS, QUE SE CUBRIRÁN POR ORDE DE SOLICITUDE
Ángel Cordero Gómez, profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña, impartirá en Carballo un curso de fotografía
O prazo de inscrición estará aberto desde o 5 ata o 15 de abril no Pazo da Cultura
Mércores 4 de abril do 2018 Cultura
Por segundo ano consecutivo, a Concellaría de Cultura organiza un curso de fotografía coincidindo co certame Xosé Manuel Eirís. E por segundo ano, despois da boa acollida acadada na primeira edición, o encargado de impartilo será Ángel Cordero Gómez, profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña, que nesta ocasión centrarase na Lectura da imaxe fotográfica. As correntes artísticas.
O prazo de inscrición estará aberto desde mañá, día 5, ata o 15 de abril. A participación é gratuíta. As persoas interesadas poden presentar a solicitude (o impreso pode descargarse ao final desta nova) nas oficinas da Concellaría de Cultura, no Pazo, en horario de 10.00 a 14.00, ou no enderezo electrónico xianamarquez@carballo.gal. Hai 30 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición, aínda que terán preferencia os/as participantes en calquera das últimas cinco edicións do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís.
O curso vai dirixido a persoas afeccionadas á fotografía e ás artes plásticas en xeral. O programa inclúe catro sesións nas que se abordarán as distintas correntes fotográficas e a imaxe dixital e as súas propostas, e que se celebrarán os mércores, de 20.00 a 21.30 horas, desde o 18 de abril ata o 9 de maio.