O GRUPO CARBALLÉS TRÁMITESS OFRECERÁ O 5 DE MAIO UN CONCERTO DE 30 ANIVERSARIO
Chega o Curruncho Pop máis internacional para encher de música as tardes de sábado na Biblioteca Rego da Balsa
Permanecede atent@s ás novas sobre o concerto de MJ Pérez, que se celebrará o 1 de marzo sempre e cando a cantante se recupere dunha gripe
Mércores 28 de febreiro do 2018
O Curruncho Pop presentou hoxe o seu cartel máis internacional, nunha edición na que tamén serán protagonistas algúns dos nomes máis destacados da historia do rock local, quen compartiran o auditorio da Biblioteca Rego da Balsa, o 5 de maio, para celebrar ao concerto de homenaxe á banda carballesa que máis tempo leva enriba dos escenarios, Trámitess, con 30 anos de carreira ás súas costas. Ata o 2 de xuño visitarannos artistas non so galegos é españois, senón tamén xaponeses, americanos ou escoceses.
O formato mantense: as citas, na biblioteca municipal, os sábados ás 20.30 horas, non sendo a primeira do programa, a actuación de MJ Pérez, prevista para mañá ás 19.30 e que se celebrará se a cantante se recupera dunha gripe. En caso de adiamento, estade atento ás nosas redes socias, onde vos confirmaremos a data definitiva. MJ Pérez, que xa estivo en Carballo na Praza dos libros, é unha das voces emerxentes do novo panorama musical galego e, se se confirma finalmente a súa visita, presentaramos o seu novo disco Casandra.
Para o día 17 de marzo está programada a actuación de Alasdair Roberts, un músico escocés que comezou moi novo cunha banda chamada Appendix Out e que a partir de 2001 continuou a súa carreira en solitario colaborando con artistas tan coñecidos como Will Oldham, Jason Molina ou Gerard Love (Teenage Fanclub). Roberts compartirá auditorio con Larkhill, banda tamén folk de Carballo, que está a piques de sacar o seu primeiro traballo discográfico.
O 14 de abril visitará o auditorio do Rego da Balsa a Alex Díez, moi coñecido polo seu actual grupo, Cooper, pero tamén e sobre todo polo seu proxecto máis importante, Los Flechazos. Terá como invitado a Talbo Mods, un xaponés que fai versións de música mod e que é fan confeso dos Flechazos.
O 5 de maio celebraremos o concerto do 30 aniversario de Trámitess. Comezará coa actuación do grupo homenaxeado, que tocará tres das súas cancións máis coñecidas e outras dúas versións dunha das formacións máis importantes que deu o rock local, Metro. Fran Méndez, Pepe Fidalgo e Kiko Iglesias estarán acompañados por Alberto Martínez (Versión Imposible), Roberto Pose “Garban” (ex Vecino e Porta con porta, entre outros), Pepe Iglesias, Ramón Martínez Mato (ex La Crema), Feliciano Mira (ex Trámitess e Versión Imposible), Francisco González “Panchi” (ex Enfermos) e José Antonio Levices (ex Metro). Tamén haberá, seguro, algunha sorpresa de última hora e proxectarase unha montaxe audiovisual da carreira de Trámitess.
O 12 de maio é quenda para Espiño, un músico compostelán que no seu último traballo, “I”, en galego, fai un percorrido polo rock psicodélico e o folk americano.
O 2 de maio chegan outros tres músicos de talla contrastada e o pop luminoso do valenciano Ramirez Exposure na súa colaboración con Mark Jonson e Richard Floyd (ex Television, nada menos).
Pecharemos o 2 de xuño con Aries, a versión electrónica de Isa Fernández Reviriego (ex Charades). Compartirá auditorio con Santi Campos, un artista de longa traxectoria que chega a Carballo para ofrecernos o seu traballo máis novo.
Presentación
A presentación do Curruncho Pop 2018 tivo lugar na Biblioteca Rego da Balsa, nun acto no que participaron o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e Pepe Fidalgo, compoñente de Trámitess. “O Curruncho, como nas outras dúas anteriores edicións, busca ofrecer un espazo para escoitar novos sons, diferentes estilos musicais, e tamén dar a coñecer diferentes intérpretes, tanto locais, como galegos, españois ou de outros países”, explicou Trigo. “Este ano quixemos contar con Trámitess, a banda carballesa se non máis lonxeva si a que leva máis tempo en activo, desde o ano 1987. Como hai pouco que fixo trinta anos sobre os escenarios pareceunos que era unha boa ocasión para que tivese este espazo aquí e poder celebrar un concerto de lembranza deses trinta anos. Para nós é unha ledicia contar cunha banda así, que aínda segue cos seus compoñentes en activo, non só nos mesmos Trámitess, senón en outros proxectos”.
“Cando nos chamou Marcos Trigo -dixo Fidalgo- a idea foi ofrecer un concerto retomando cancións propias dos Trámitess, pero logo decidimos darlle unha volta e convidar a músicos de outros grupos carballeses para que fixesen algunhas versións dos nosos temas. Animamos á xente a que veña porque poderá rememorar a movida musical carballesa dos anos 80 e o espírito do concerto Lembranza Rock do ano 2007, na sala Dublín, un antes e sobre todo un despois para a formación de moitas bandas locais”.