A Biblioteca Rego da Balsa converteuse en só tres anos nun oasis cultural para unha comunidade cada vez máis ampla
153 altas de usuarios/as ao mes e un volume de préstamos que a sitúa no segundo posto da rede galega son datos que reforzan a aposta do Concello de Carballo polo servizo
Sábado 2 de decembro do 2017 Cultura
Lucía Iglesias e Marcos Trigo, no acto de aniversario celebrado no auditorio da biblio
O 24 de outubro de 2014 “nacía unha biblioteca nova e diferente, pioneira en Galicia en moitas cuestións; pero nacía tamén para nós, as mulleres que traballamos nesta biblioteca, e para todo o persoal do Concello de Carballo involucrado na súa evolución, un proxecto abraiante, que tiña como principal obxectivo involucrar a toda a comunidade carballesa”. As palabras son de Lucía Iglesias, técnico da Biblio Rego da Balsa, e con elas comezou o seu apaixonante balance destes tres anos de actividade no acto de aniversario celebrado esta semana.
Lucía Iglesias fala con auténtica devoción sobre o seu traballo e sobre o papel que cumpre a nosa biblioteca: “Vai máis alá –asegura- da tradicional estrutura dunha biblioteca ao uso; o fomento da lectura é vértice, pero xunto con outras dinámicas que suman e non restan, e que aportan luz na sociedade”. E con esa mesma paixón convidou ao público asistente a valorar “a sorte que tedes de ter un pobo con tanta oferta cultural e tan grande como este”.
Pero nunha xornada de balance non podían falar os datos. Con respecto ao fondo bibliográfico, a técnico explicou que ao longo destes tres anos “non só aumentaron o número e a frecuencia das compras, senón tamén a variedade dos materiais: audiolibros, libros de aprendizaxe con material interactivo, libros ilustrados, libros xogo, libros de texturas... E pouco a pouco podemos completar a colección cunhas materias axeitadas á nosa comunidade: sobre a comarca, o mar, o surf, a comunidade rural, tradicións, costumes…”.
Cifras e datos
Tampouco deixaron de aumentar os/as usuarios/as desde o primeiro día. A media é de 153 ao mes, e o público “estrela”, como o denominou Lucía Iglesias, é o infantil. A Biblioteca Rego da Balsa é, ademais, a segunda da rede galega en préstamos. “Para que vos fagades unha idea, a media de préstamos no 2015 ascendeu a 640 ao mes”, comentou a técnico.
Entre as últimas novidades figuran a integración da Biblioteca Rego da Balsa no sistema de xestión bibliotecaria Koha, o carné único da Rede de Bibliotecas de Galicia, ou o premio María Moliner polo proxecto Biblioteca Rego da Balsa: 100% comunidade, que é a mellor definición da nosa biblioteca e arredor do cal seguiremos traballando para acadar o premio especial en vindeiros anos.
Marcos Trigo tamén presentou o novo vídeo "Conéctate coa biblioteca!"
Nese concepto de crear comunidade insistiu tamén na súa presentación o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, que definiu a biblioteca como un espazo no que “todo o mundo” ten cabida e no que se celebran actividades para todos os gustos, ademais de reiterar que dende o 2014 ata agora en Carballo conseguimos duplicar as 43 horas semanais que tiñamos de servizo bibliotecario, e agora, ademais, en horario continuo, dando resposta así a unha vella demanda. Con respecto a todo o que supuxo a posta en marcha da Biblioteca Rego da Balsa, Marcos Trigo fixo unha pregunta que en realidade non precisa resposta: “Como podíamos vivir sen un espazo como este?”.