Case 300 nenos participaron no Concurso Teatro Lido, que este domingo entrega os seus premios
O 5 de novembro ás 18 h terá lugar en Carballo a gran final, na que compiten sete grupos teatrais de colexios da zona
Venres 3 de novembro do 2017
Caxoto Contacontos será o mestre de cerimonias
Un total de 275 nenos e nenas participaron no XVII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, que este domingo 5 de novembro ás 18.00 h celebra a súa final no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.
O certame celébrase no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), organizado polo Concello de Carballo e a Asociación Cultural Telón e Aparte.
Na final competirán sete grupos seleccionados polo xurado, formado por afeccionados e profesionais do teatro, representantes do ensino e de Radiovoz, e que son os seguintes:
1ª CATEGORÍA
- CEIP CANOSA-RÚS, SUPERHEROES, DO GRUPO TEATRÚS
- CEIP XESÚS SAN LUÍS ROMERO, O RABAÑO, DO GRUPO AS OVELLIÑAS
- CPR ARTAI, O SOÑO DO VERME, DO GRUPO SOLPOR
- CRA PONTE DA PEDRA - SÍSAMO, LOBO FEROZ, DO GRUPO A RAÍÑA DOS VILARES
2ª CATEGORÍA
- CEIP FOGAR, UN MÉDICO DESESPERADO, DO GRUPO BILITROQUE
- IES ALFREDO BRAÑAS (Carballo), O MERLO BRANCO, DO GRUPO ENTRE GUIÓNS
- IES EDUARDO PONDAL (Ponteceso), A FÉ, DO GRUPO OS ROMÁNTICOS
Na final, os grupos seleccionados volverán a interpretar os seus fragmentos teatrais e, tras unha nova deliberación do xurado, realizarase a entrega de premios aos gañadores.
O acto estará presentado por Caxoto Contacontos que, ademais de ser o mestre de cerimonias, amenizará a final cunha sesión de contos destinado a público familiar. A continuación terá lugar unha chocolatada para todos os participantes, que recibirán un diploma que poderá ser recollido polos representantes de cada grupo ao finalizar o acto.