O FIOT conmemora o centenario do pasamento de Pondal coa coprodución “Os fillos do sol”, que pecha o festival
O venres 27, antes da estrea desta nova produción conxunta do FIOT e a compañía Contraproducións, Mónica Caamaño recibirá o galardón de Xograresa de Outono
Mércores 25 de outubro do 2017 Cultura
O Festival Internacional Outono de Teatro despídese esta fin de semana coa estrea absoluta de “Fillos do sol”, a segunda coprodución entre o FIOT e a compañía Contraproducións despois de “O tolleito e Inishmaan”, estreada na pasada edición e que foi a gran triunfadora dos últimos Premios María Casares con cinco galardóns. Pero esta nova conexión entre Carballo e Cándido Pazó, autor e director da obra, supón ademais a achega do FIOT á homenaxe da cultura galega a Eduardo Pondal no centenario da sua morte. “Era unha obriga case territorial, pero tamén cultural, porque Pondal é unha das persoas máis destacadas de Bergantiños e hai que recuperalo para o conxunto da cultura galega”, explicou Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, na presentación de “Fillos do sol”.
Tanto Alberto Sueiro como Belén Pichel, xefa de produción, expresaron o seu desexo de que a colaboración entre o FIOT e Contraproducións permaneza no tempo. Belén Pichel agradeceu a confianza depositada na compañía e amosouse especialmente contenta “por estrear este espectáculo na miña terra e por terme topado nesta aventura con outra carballesa, Alba Bermúdez, coa que estamos encantados e marabillados”.
Alba Bermúdez é, de feito, unha das actrices protagonistas de “Fillos do sol”, que, a medio camiño entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, recrea as dúbidas, medos e insatisfaccións creativas de Eduardo Pondal con relación a “Os Eoas”, o poemario no que traballou durante gran parte da súa vida e que non chegou a publicarse ata case cen anos despois da súa morte.
“Non parecía doado escribir unha peza sobre Pondal”, comezou Cándido Pazó a súa intervención. “Entendín que era un reto, e a verdade é que se non chega a vir de Carballo non creo que dixera que si”. Pero agora “Fillos do sol” non só é unha encarga do FIOT, senón unha “filla” querida por Contraproducións e polo propio Cándido Pazó, que asegurou que “Bergantiños vibra nesta peza”.
O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, que foi outro dos participantes na presentación desta nova aventura do FIOT, salientou a calidade do equipo de traballo que fixo posible esta coprodución e o seu orgullo porque dese equipo formen parte dúas persoas de Carballo.
“Agora en Carballo tamén temos teatro con forza”, rematou o alcalde, parafraseando ao propio Cándido Pazó. Evencio Ferrero amosou ademais o seu desexo de que iniciativas como esta contribúan a reforzar a identidade de persoas que, como Eduardo Pondal, “temos que seguir descubrindo”.
Xograresa de Outono
O venres ás 21 horas, xusto antes do primeiro pase de “Fillos do sol”, a actriz Mónica Caamaño recibirá o galardón de Xograresa de Outono 2017, que premia a súa intensa e diversa traxectoria en teatro, cine e televisión, e o seu compromiso activo co sector cultural.