O alumnado de 4 a 6 anos de todos os colexios carballeses visita este mes a Biblioteca Rego da Balsa
Ademais de coñecer as instalacións, as nenas e os nenos asisten a unha sesión de contacontos e levan como agasallo un libro dos Bolechas
Luns 23 de outubro do 2017 Cultura
As visitas comezaron hoxe
Todos os nenos e as nenas carballeses de catro a seis anos van visitar ao longo deste mes a Biblioteca Rego da Balsa, un recurso cultural único na Costa da Morte que desde a Concellaría de Cultura tratamos de poñer en conexión coa sociedade a través de propostas dirixidas a públicos de diferentes idades e con distintos intereses. Desta volta tócalles a centos de alumnos e alumnas dos colexios Bergantiños, Fogar, A Cristina, San Luís Romero, Artai, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán, Canosa-Rus e CRA Ponte da Pedra.
As visitas comezaron hoxe. Ata o día 31 a Biblioteca Rego da Balsa recibirá a un total de 14 grupos, dous cada día. Os nenos e nenas realizan unha visita guiada pola zona infantil, asisten a unha función de contacontos exclusiva e ademais levan como agasallo un libro dos Bolechas no que poderán descubrir outros interesantes recursos do noso concello.