O Premio Nacional de Teatro Kamikaze Producciones escolle o FIOT para estrear 2 obras en Galicia
O Certame de Microteatro acolle a estrea absoluta de “Amor de pé”, unha comedia textual de Tukumpas Teatro
Xoves 19 de outubro do 2017
O Premio Nacional de Teatro 2017, concedido a Kamikaze Producciones polo seu proxecto Teatro Kamikaze, escolle o FIOT de Carballo para estrear en Galicia, esta fin de semana, dúas das súas obras máis recentes.
Imaxe da obra "Todo el tiempo del mundo", dirixida por Pablo Messiez
A primeira en subirse ao escenario do Pazo da Cultura será este venres 20 de outubro (21 h) “Todo el tiempo del mundo”, obra do autor e director Pablo Messiez, que está considerado como unha das voces máis interesantes do teatro español contemporáneo e que obtivo o Premio Max 2016.
Segundo algúns críticos, as súas obras nunca defraudan e son capaces de conmover ata as pedras. Segundo Hugo Álvarez, de Butaca en Anfiteatro, esta obra contén un "texto fermoso, unha mensaxe conmovedora e actores inspiradísimos". O certo é que nesta produción está acompañado de novo polos actores da compañía Grumelot Teatro, que xa estiveron no FIOT, e tamén traballa da man de Buxman e da xa citada Kamikaze Producciones.
O sábado 21 ás 20.30 h, debuta na nosa comunidade o espectáculo “Arte”, unha divertida comedia, que xa é un clásico contemporáneo representado en medio mundo e agora dirixido polo recoñecido Miguel del Arco, considerado como un dos renovadores do teatro actual. Un dos protagonistas desta obra é o popular actor de cine e televisión Roberto Enríquez, presente en grandes éxitos do cine español como AzulOscuroCasiNegro e Gordos.
Estrea absoluta no Certame de Microteatro
A progamación de sala continúa coa compañía belga Okidok, unha das máis sorprendentes e creativas do clown europeo. A súa imaxinación e afán de diversón non ten límites, o que leva a estes artistas a transgredir os códigos, mesturando circo, teatro, intervención, improvisación e humor. Os espectadores poderán comprobar o seu talento en estado puro con “Slips Inside” (domingo 22 ás 20.30 h).
O Certame de Microteatro acolle na tarde do sábado 21 de outubro a estrea absoluta de “Amor de pé”, unha comedia xestual do grupo Tukumpas Teatro, na que o amor, a soidade, a paixón e o fracaso son notas fundamentais. Ese mesmo día, en horario de mañá e tarde, o artista Prácido Domingo explorará a capacidade de adaptación das persoas a situación adversas no seu espectáculo “Non hai que ser unha casa para ter pantasmas”.
O sábado 21 ás 13 h, na cafetaría A Barra Bar, Camilo Franco volve levar a crítica ao escenario coa Escola do Espectador, na que a asistencia é libre, aínda que sea recomenda previa inscrición no enderezo electrónico fiot.carballo@gmail.com.