“Nordesía” viaxa a Ribadeo coa participación dunha trintena de artistas vinculados a Carballo
Os creadores bergantiñáns dedican a Paco Souto a exposición colectiva que será inaugurada hoxe pola tarde na vila luguesa
Venres 1 de setembro do 2017 Cultura
Imaxe da exposición de Carballo
No mes das letras comezou a escribirse a historia dun intercambio artístico entre os concellos de Carballo e Ribadeo. Trece creadores da Mariña luguesa viaxaron a terras bergantiñás a través das súas obras, que estiveron expostas no Pazo da Cultura, e agora chegou o momento de devolver esa visita. Neste segundo capítulo de “Nordesía”, o título común a ámbalas dúas iniciativas, os/as encargados/as de escribir a historia son unha trintena de artistas vinculados a Carballo.
Adriana Díaz, Ana García, Antón Díaz, Antonio Reino Mira, Antonio Taracido, Chiña, Cristina Castro, Damián Varela, Esther Chamoso, Eva Facal, Isa Fernández, Jacobo Veiga, Francisco Javier Rodríguez, Laura Tova, Lola Oviedo, Manuel Eirín Nemiña, María Marticorena, Milagros Cotelo Rama, Mon Lendoiro, O’Mighelo, Otilio Fernández, Pedro Tasende, Peter Kramer, Peter Schneider, Raúl Herrera, Risé, Santi Picos, Teresa Candal, Viki Rivadulla e Rosalía Fernández Rial amosarán, a través de diferentes manifestacións, a creatividade das terras da Costa da Morte.
A exposición incluirá ademais un cadro de Alberto Gende, finado no 2012, porque “queríamos que o Concello de Ribadeo puidera gozar da súa obra”, e unha peza conxunta de Serxio Moreira e Paco Souto, a quen vai dedicada a exposición. “O tema escollido era o luscofusco, pero o falecemento hai uns meses de Paco Souto, un dos integrantes este colectivo, fixo que moitos deles puideran modificar a súa obra o seu recordo”, explican os organizadores.
Algúns e algunhas deses artistas participarán na inauguración de “Nordesía”, prevista para hoxe ás 19 horas. No acto estará tamén o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, que devolve a visita realizada en maio polo seu homólogo ribadense, Farruco Graña. A exposición poderá visitarse ata o día 15, de martes a domingo, en horario de 11.30 a 13.30 e de 18.00 a 20.00.