Capercaillie, María do Ceo, Guadi Galego, Budiño e Mercedes Peón pasarán este verán pola Praza do Concello
O Verán Cultural, que arranca mañá coa Praza dos Libros, encherá de actividade todos os venres (e algún día máis) dos meses de xullo e agosto
Mércores 5 de xullo do 2017
“Non creo que haxa outro pobo con tanta oferta cultural como Carballo. Podemos estar orgullosos”. As palabras son de Chano Calvo, que participou, en representación da Fundación Luis Calvo Sanz, na presentación do programa de actividades organizadas pola Concellería de Cultura para os meses de xullo e agosto. Arranca o Verán Cultural, que saíu á rúa xa desde o primeiro momento, xa que a rolda de prensa celebrouse xunto á palmeira do Xardín Municipal. Porque, como dixo o alcalde, Evencio Ferrero, “o verán é para estar na rúa, coa familia, cos amigos, e para gozar dos espazos abertos, das prazas, das nosas ágoras”.
Pero o Verán Cultural de Carballo non só ofrece cantidade, senón tamén calidade. E da máis alta. Capercaillie, María do Ceo, Roi Casal, Guadi Galego, Pablo Díaz, Budiño, Mercedes Peón, Desastronauts, o Mago Dani e ducias de grupos de música e baile tradicional desfilarán polas nosas rúas e polo escenario da Praza do Concello, que será o principal punto de referencia de toda a programación.
Marcos Trigo, Chano Calvo e Evencio Ferrero presentaron o programa
Este ano comeza especialmente forte, porque mañá mesmo inaugúrase a Praza dos Libros co pregón de Manuel Rivas e as primeiras das máis de vinte actividades que se desenvolverán no corredor central do Xardín Municipal desde o xoves de mercado ata o domingo de feira. Presentacións literarias, música, teatro, sinaturas de libros e tamén gastronomía acompañarán as casetas de venda dos libreiros e libreiras, que son os grandes protagonistas. E coincidindo con este “frenesí cultural” ao que se referiu o alcalde, chega unha nova edición do Festifolk este sábado 8, con Vinteenbaio, Druídas da Rolda, Xacaradaina, gaiteiros de toda a Costa da Morte e a banda celta Capercaillie, que ofrecerá en Carballo o seu único concerto en Galicia coincidindo co 30º aniversario da creación do grupo.
Aínda que a música é a gran protagonista, este Verán Cultural tamén nos traerá as acrobacias aéreas de Desastronauts, que tanto gustaron cando tivemos a sorte de telos anteriormente en Carballo, o “Código 00” do Mago Dani, 20 proxeccións de cine ao aire libre, exposicións e festas de todo tipo en todo o concello. Un cartel que podes consultar en detalle no documento adxunto e que demostra, unha vez máis, que, como dixo o alcalde, “Carballo é un pobo moi vivo”.