Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Manuel Rivas será o pregoeiro dunha Praza dos Libros repleta de referentes literarios da Costa da Morte

Unha homenaxe colectiva a Paco Souto pechará os catro días de actividades, que se presentaron hoxe na Biblioteca Rego da Balsa

Venres 30 de xuño do 2017 Cultura

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, Chano Calvo e Moncho Tasende, na presentación do programa

Marcos Trigo, Evencio Ferrero, Chano Calvo e Moncho Tasende, na presentación do programa

Este ano a Praza dos Libros estará chea de referentes literarios da Costa da Morte. Empezando polo pregoeiro, Manuel Rivas, que durante a época na que viviu na comarca máis occidental de Galicia creou vínculos con Carballo, como lembrou o alcalde, Evencio Ferrero. E rematando polo protagonista do último acto da Praza dos Libros, o poeta, político, percebeiro e axitador cultural Paco Souto, que recibirá unha homenaxe na que terán cabida a poesía, a música e as artes plásticas. “Atesourando a palabra” reunirá a moitas amigas e amigos de Paco Souto nunha lembranza colectiva prevista para o día 9 ás 21 horas.

Con cada libro que se merque o domingo 9 entregarase un molete de pan de Carballo e este ano por primeira vez tamén unha lata de atún Calvo

O 6 de xullo teremos, polo tanto, “un pregoeiro de excepción”, como dixo o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, na presentación do programa da Praza dos Libros, que tivo lugar hoxe na Biblioteca Rego da Balsa. Porque outra das moitas novidades que nos trae a feira é o cambio de datas, atendendo así unha demanda dos libreiros. O sector estivo representado por Moncho Tasende: “Imos experimentar coa data, pero penso que é unha data boa, porque xa hai moita xente de fóra, e é unha oportunidade para dar a coñecer a gran cantidade de obra nova que sae cada ano en Bergantiños e na Costa da Morte”, explicou.

E xunto a eles estivo Luciano Calvo, en representación da Fundación Luis Calvo, que un ano máis apoia a actividade. E esta vez máis aínda, porque hoxe Chano Calvo anunciou que o domingo, xunto co tradicional molete de pan que se agasalla a todas as persoas que mercan un libro, tamén se repartirá “unha lata grande de atún. Así que este ano ao lema “Un libro, un pan” engadirase “e unha lata”, un motivo máis, polo tanto, para acudir á Praza dos Libros de Carballo.  Tanto o representante dos libreiros como os do Concello agradeceron a colaboración da Fundación Luis Calvo. “Sempre está aí, e os que sempre están son os imprescindibles”, manifestou o alcalde parafraseando a Bertolt Brecht. “Este ano teremos atún para que o pan sexa aínda máis sabedor, e para que conflúan a tradición artesá dos nosos panadeiros e a tradición industrial da nosa principal empresa”, engadiu Evencio Ferrero.

Catro días de actividades

Entre o pregón de Manuel Rivas e a homenaxe a Paco Souto desenvolveranse catro xornadas de actividades para todos os públicos e que van moito máis alá da literatura. Todos os días haberá actividades para nenas e nenos, o sábado 8 realizarase unha ruta guiada polos proxectos de arte urbana de Carballo, o domingo haberá sesión vermú con MJ Pérez, os artistas da zona exporán e venderán artesanía, fanzines ou cerámica, e o sábado 8 a partir das 20 horas terá lugar o Festifolk, este ano coa banda escocesa Capercaille como prato forte.

A Praza dos Libros estará aberta de 11 a 14 e de 18 a 22 horas no Xardín Municipal, con descontos do 10% e con sorteos diarios de libros

Entre os autores e autoras que pasarán pola Praza dos Libros estarán Xan Fernández Carrera, Suso Lista, Alberto Varela Ferreiro, Xosé María Lema, Fernando Cabeza pai e fillo, Rosalía Fernández Rial, Diana Varela Puñal, Héctor Pose, Manuel Rey Xan Fraga e Modesto Fraga. E ademais o venres 7 recibiremos a Xabier Maceiras para presentarnos unha nova publicación do Concello de Carballo, “Contos mariños”. Haberá, polo tanto, moitos autores e moitos libros, que nos achegarán as librerías Á lus do candil (Arteixo), Brañas Verdes (Carballo), Ler (Carballo), Roget (Vimianzo), Teldy (Carballo), Trasgo (Carballo). E ademais contaremos con banda deseñada e novela gráfica en galego de Demo Editorial e coas coidadas edicións musicais de Prenom.

A Praza dos Libros estará aberta de 11 a 14 e de 18 a 22 horas no Xardín Municipal, con descontos do 10% e con sorteos diarios de libros. O programa detallado podedes consultalo máis abaixo.

Descargas

Compartir: