O pregón do doutor Ángel Carracedo introdúcenos na Semana Grande do San Xoán
O autobús do programa “Gastrópodos”, da TVG, contribuirá tamén ao ambiente festivo cun programa especial desde Carballo
Mércores 21 de xuño do 2017 San Xoán 2017
Ángel Carracedo (Foto: Pontevedra Viva)
O pregón do doutor Ángel Carracedo introduciranos na Semana Grande de Carballo. Para que ninguén se despiste, mañá ás 12 horas estoupará a tradicional traca de bombas de palenque que anuncian o comezo das festas, aínda que no San Xoán máis longo da historia levemos xa dúas fins de semana de actividades.
Este ano teremos tamén máis animación na rúa que nunca, coa participación de todos os grupos de gaitas do concello. O primeiro pasarrúas, mañá a partir xa das 12.30, terá como protagonista á agrupación Foliada Galega. A música volverá a soar pola tarde, a partir das 20.30, coa Banda Municipal de Carballo, que presenta a súa nova composición.
E media hora despois tomará a palabra Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética. Non hai máis que consultar a Wikipedia para darse conta de que estamos ante un persoeiro que pasará á historia porque xa está a facer historia. Como manifestou o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación do programa das festas, “sen dúbida ningunha, de todas as persoas que foron pregoeiras en San Xoán, é a que ten o currículo máis extenso. E como ademais ten raíces carballesas, porque o seu pai foi de Rus, encheranos a todos de orgullo que unha persoa con tanto prestixio internacional como Ángel Carracedo nos poida acompañar. É un dos mellores científicos que ten Galicia, sen dúbida ningunha, e unha extraordinaria persoa, mellor que científico, que xa é dicir. Polo tanto, merece todo o arroupe e apoio”.
Programa "Gastrópodos"
O autobús do programa "Gastrópodos" chegou hoxe a Carballo
Pero ademais de todo iso temos unha incorporación de última hora ao programa, porque mañá, coincidindo co comezo das festas e coa celebración do noso mercado semanal, estará en Carballo o autobús de “Gastrópodos”. O equipo do programa da TVG, composto pola cociñeira Beatriz Sotelo, o crítico e divulgador gastronómico Jorge Guitián e a pinche e actriz Marta Doviro, pasará a xornada na nosa Praza do Concello. Farán a compra, prepararán o xantar e convidarán a comer a un grupo de membros da Asociación Ambiental Senda Nova. Sen dúbida, será todo un espectáculo engadido ao San Xoán, comezando polo propio autobús, unha auténtica xoia, como podedes comprobar na imaxe.