Artistas de toda a comarca lembran a Paco Souto no Pazo da Cultura
Aberta ata o 31 de xullo a exposición colectiva “Luscofusco”, que inclúe obras de 29 autores/as e unha homenaxe ao finado poeta malpicán
Luns 19 de xuño do 2017
“Para que a arte e a maxia acontezan precísase de persoas que outorgan, e se algo caracterizaba a Paco, e isto gustaríame que fose a imaxe que queda del, ese algo de Paco era dar: o peito aberto de Paco, ese dar, Paco era o mesmo verbo dar”. Estas sentidas palabras da poeta carballesa Rosalía Fernández Rial resumen o emocionante recordo á xenerosidade de Paco Souto na que se converteu, o venres no Pazo da Cultura, o acto de presentación da exposición “Luscofusco”, a mostra colectiva de artistas da comarca que é unhas das propostas das nosas festas de San Xoán desde hai xa varios anos e que neste reuniu a 29 creadores nunha iniciativa da Concellaría de Cultura na que colabora o colectivo Crea Formas.
“Luscofusco” abrangue a pintura, a fotografía e a escultura, entre outras disciplinas de artistas con traxectorias e modalidades tan diversas como as de Adriana Díaz, Ana García, Antón Díaz, Antonio Reino, Antonio Taracido, Chiña, Cristina Castro, Dami Varela, Esther Chamoso, Eva Facal, Isa Fernández, Jacobo Veiga, Javier Rodríguez, Laura Tova, Lola Oviedo, Manuel Eirín, María Marticorena, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, O’ Mighelo, Oti Fernández, Pedro Tasende, Peter Kramer, Raúl Herrera, Risé, Santi Picos, Teresa Candal ou, como convidados nesta edición, Peter Schneider e Viki Rivadulla.
A exposición poderá visitarse no 3º andar do Pazo da Cultura ata o día 31 de xullo.
No acto de presentación da mostra participaron (ademais de Fernández Rial, a quen acompañou o músico Serxio Díaz) o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e unha das creadores presentes en “Luscofusco, Lola Oviedo. Trigo agradeceu especialmente a presenza de Emma Abella, a viúva do poeta, percebeiro, político e axitador cultural; así como a dos membros da comisión de festas do San Xoán e de todos os artistas que participan na mostra, ademais de Rosalía e Serxio Moreira, “cos que Paco Souto, ademais de compartir proxectos comúns, estaban unidos por fortes lazos de amizade”, dixo o concelleiro.
Lola Oviedo leu, moi emocionada, un texto no que recolleu palabras da obra de Souto. “Agora si, agora o país queda máis cativo... cativo de apertas e versos”.
Evencio Ferrero lembrou que a revista das festas patronais carballesas deste ano ábrese cun saúdo do alcalde que é un poema de Souto dedicado ao San Xoán: “As nosas terras son unhas terras vivas, como tamén o é o noso mar, aínda que ás veces nos roube ás persoas que quixemos e que seguiremos sempre a querer”, leu Ferrero. “Boas festas”, desexou o rexedor, “pero lembrádevos sempre de quen tivo o compromiso coa xente de ben, de todos os bos e xenerosos: Alberto Gende e Paco Souto son dous deles”.