As festas de San Xoán concentraranse este ano arredor de dúas fins de semana
O 1 de xullo terá lugar o Rockin’ e o 2 será a Festa do Bosque
Sábado 22 de abril do 2017 San Xoán 2017
Ambiente na rúa Igrexa nas festas do ano pasado
A coincidencia dos días grandes (24 e 25 de xuño) en fin de semana provoca que as festas de San Xoán se estendan tamén á primeira fin de semana de xullo. O Rockin’ terá lugar o sábado 1 e a Festa do Bosque, o domingo 2, de maneira que celebracións patronais de Carballo concentraranse este ano arredor de dúas fins de semana consecutivas.
A semana grande celebrarase entre o 22 e o 26 de xuño, ou, o que é o mesmo, dende o pregón ata o Día do Neno, dúas citas tradicionais e imprescindibles das nosas festas. A Asociación Cultural San Xoán leva meses traballando na elaboración do programa, que, como é habitual, incluirá actividades para todos os gustos: verbenas, concertos, concursos, animación de rúa, espectáculos de todo tipo... que durante cinco días converterán Carballo no centro de atracción de toda a comarca.
O xurado reunirase o mércores 26 para elixir o cartel anunciador das Festas de San Xoán 2017
Esta semana pechouse o prazo de participación no concurso para a elección do cartel anunciador do San Xoán. O xurado reunirase o vindeiro mércores para elixir o deseño gañador, que se fará público coincidindo coa presentación do programa. Así mesmo, estase a traballar na elaboración da revista das festas, que se converte cada ano en soporte do programa, pero tamén en escaparate para colaboracións literarias ou artísticas e para as empresas patrocinadoras, ás que dende a comisión queremos agradecer a súa implicación nas festas patronais da nosa vila e do noso concello.