O Conservatorio de Carballo lembra ao seu ex director Miguel Suárez Barros na cerimonia de graduación
O auditorio do Pazo da Cultura acolle este 24 de maio a gala de peche do curso académico
Martes 23 de maio do 2017
Este ano a cerimonia de graduación dos alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Carballo será especial porque estará moi presente a lembranza de Miguel Suárez Barros, finado hai menos dun mes, que estivo vinculado ao centro dende a súa posta en marcha, como profesor e como director, ata a súa xubilación no ano 2014. A comunidade educativa renderalle homenaxe mañá, coincidindo coa gala de peche do curso académico, que se celebrará no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 19.30 horas.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, acompañarán ao alumnado e ao profesorado do CMUS nunha tarde cargada de emocións para todas e todos, sobre todo para os alumnos e alumnas que subirán ao escenario do auditorio para interpretar pezas de Haendel, Piazzolla ou Albéniz, entre outros autores clásicos. As actuacións repartiranse en tres bloques, ao remate dos cales procederase á entrega de diplomas e orlas ao alumnado, dende os de educación musical ata os que rematan o grao profesional. Ao remate levarase a cabo a homenaxe a Miguel Suárez Barros, que incluirá a actuación da Big Band que el fundou e que dirixiu ata a súa xubilación.