Cinco agrupacións musicais e alumnado de dous colexios participan este ano na lectura colectiva “As letras en voces”
A Banda Municipal de Gaitas ofrecerá un pasarrúas a partir das 11.30 para anunciar o comezo da celebración do Día das Letras Galegas
Martes 16 de maio do 2017
Este ano as Letras Galegas non só teñen voz, senón tamén música. “As letras en voces”, a tradicional lectura colectiva de autores/as homenaxeados o 17 de maio, contará coa participación de alumnos de dous centros educativos, pero tamén de cinco agrupacións musicais.
A Banda Municipal de Gaitas será a encargada de anunciar o comezo da celebración do Día das Letras Galegas cun pasarrúas a partir das 11.30 horas. Xa de volta no Xardín Municipal, que será o centro da xornada, os gaiteiros interpretarán as últimas pezas e o Himno Galego, antes de que comece a lectura. Este ano participarán nenos e nenas dos CEIP A Cristina e Bergantiños. Pero como a intención do Concello de Carballo é darlle un ambiente festivo á xornada, a lectura complementarase coas actuacións da asociación cultural Argazo, a Coral Ribeiras do Anllóns, o grupo Xoldreira da AC Nemeth e Arume.
“As letras en voces” coincidirán no espazo da Praza do Concello e tamén no tempo con outra actividade tradicional do 17 de maio en Carballo, o Concurso Infantil de Pintura e Debuxo Luis Calvo Sanz, organizado pola asociación cultural Lumeira dende hai 37 anos. Comezará ás 11 horas e poderán participar nenas e nenos dende 1º de Primaria ata 2º da ESO. Haberá tres premios, consistentes en lotes de libros, por categoría; premio ao colexio e sorteo de bicicletas.
Tanto “As letras en voces” como o concurso celebraranse ao aire libre agás que as condicións meteorolóxicas non o permitan. Nese caso trasladaríanse ao segundo andar do mercado municipal.