A arte do tear e a tradición galega van da man na exposición "Panóptic@s. Téxtiles tradicionais"
A mostra está aberta ata o día 21 no andar -1 do Pazo da Cultura
Venres 5 de maio do 2017
O andar -1 do Pazo da Cultura acolle ata o 21 de maio a fermosísima exposición “Panóptic@s. Téxtiles tradicionais”, unha mostra de tecido tradicional galego organizada polo Concello de Carballo, a Asociación Cultural Argazo, de Baldaio, e Panosdaquí, unha iniciativa dos teceláns Carlos Díaz e Manuel Otero que transmite un fondo amor pola arte do tear. Trátase dunha colección de teas, roupa de cama e vestidos feitos case todos con liño e la recollidos por toda Galicia, desde localidades bergantiñás como Sofán e Cerqueda ata outras como Vilariño de Conso, en Ourense.
A exposición presentouse onte nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; Ana Nogareda, presidenta da Asociación Cultural Argazo, e Carlos Díaz e Manuel Otero, de Panosdaquí.
“O que podemos ver”, dixo Nogareda, “é téxtil tradicional tanto confeccionado como sen confeccionar, tanto na indumentaria como no tema do enxoval. Haillo que agradecer, entre outros, a un bergantiñán, Carlos Díaz, que nos achegou toda esta marabilla”.
Durante o tempo que a mostra permaneza aberta, do 4 ao 21 de maio, López estará tecendo na sala de exposicións en horario de visitas, de 18.00 a 20.30
Marcos Trigo tamén salientou a labor de Panosdaquí: “É moi grato para nós contar con esta exposición de man dos teceláns Carlos Díaz e Manuel Otero, que, preocupados pola recuperación e divulgación do tecido tradicional galego, dedican o seu tempo libre á investigalo”.
Otero explicou o sentido da mostra: “A nivel da nosa comunidade hai unha gastronomía que nos representa ou un baile que nos representa, pero tamén temos un tecido que, como pobo, nos representa. Non é algo moi coñecido, pero si moi valioso, porque dunha pobreza de dous materiais, como poden ser o liño e a la, as nosas tecedeiras, mulleres valorosas, puideron facer cousas para vestir as súas casas, para vestirse elas, para vestir as súas xentes. O que nos dá pena é que ese coñecemento desenvolvido durante tanto tempo se perda e non se lle saque partido ou, polo menos, como pobo non o coñezamos. Basicamente, os panóptic@s intentan dar a visión de diferentes ópticas que o tecido tradicional ten, que é noso, propio, e que debemos coñecer e saber defender dalgunha maneira”.
Carlos Díaz agradeceu ao Concello e a Argazo e, sobre todo, á xente que lle cedeu “de mil amores” as pezas, “que as soubo gardar, que lles quere e as conserva nas súas casas; xente de por aquí, pero tamén de Vilariño de Conso, na Veiga do Bolo, en Ourense”. “E sobre todo”, engadiu, “quero agradecerlle ao investigadores que hai en Galicia de indumentaria tradicional, especialmente a Alberto e a Andrés Golpe, de Ferrol, e a Pancho Rodríguez, do Grupo Etnográfico das Mariñas, e a Antón Méndez Gándara, porque nas súas coleccións aprendemos todos”.
Durante o tempo que a mostra permaneza aberta, do 4 ao 21 de maio, López estará tecendo na sala de exposicións en horario de visitas, de 18.00 a 20.30.
O alcalde afirmou o se convencemento de que “a vontade dos pobos e o espírito colectivo vaise creando de forma moi poliédrica e con distintos factores, e un deles é a maneira de vestirse, que explica tamén como se aproveitaban eses tecidos”. “Nesta exposición”, rematou, ‘vemos que hai auténticas mestras e mestres na arte de tecer, e as pezas que están hoxe aquí son verdadeiras xoias, preciosísimas desde o punto de vista estético”.