Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

A entrega de premios do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís converteuse nunha sentida homenaxe a Paco Souto

A exposición das 73 obras seleccionadas polo xurado poderá verse ata o 30 de abril no 3º andar do Pazo da Cultura

Venres 31 de marzo do 2017 Cultura

Evencio Ferrero entregou o premio ao gañador

Evencio Ferrero entregou o premio ao gañador

A entrega de premios e inauguración do XIX Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís converteuse nunha sentida homenaxe a Paco Souto, poeta, dramaturgo, activista cultural e concelleiro do BNG en Malpica, falecido onte mentres mariscaba na zona de Santa Mariña, en Razo. Durante o acto -ao que asistiron, ademais do xurado, o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo; Luciano Calvo, pola Fundación Luis Calvo Sanz, un dos patrocinadores; e Feliciano, Pilar, Pablo e Jesús Eirís, en representación da familia de Xosé Manuel Eirís- gardouse un minuto de silencio polo pasamento de Souto, moitas veces colaborador coa nosa Concellaría de Cultura e unido por unha boa e longa amizade con traballadores/as municipais e edís. “Hoxe o mar roubounos as palabras”, dixo, moi emocionado, o alcalde. “Por iso é duro participar en actos de homenaxe a persoas que xa non están entre nós”, engadiu en referencia ao propio Souto, ao pintor e deseñador Alberto Gende (a sala onde se inaugurou onte a exposición leva o seu nome) e a Xosé Manuel Eirís.

Tras as mostras de afecto e respecto, leuse o veredicto e entregáronse os premios. José Ramón Luna de la Ossa, fotógrafo madrileño afincado en Cuenca, gañou por segunda vez o primeiro premio, dotado este ano con 1.500 euros e diploma, pola fotografía Teatro de lo humano. O segundo premio, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz con 750 euros, foi para o Autorretrato con praia, de Samuel Ortiz Lois. Este ano o Premio Especial Carballo, dotado con 500 euros e diploma, recaeu na fotografía Nomad, do italiano afincado en Galicia Simone Maestra. Ademais, o xurado decidiu outorgar un accésit de 300 euros e diploma á obra Nómadas, de Alfonso Rego López.

O xurado, presidido por Marcos Trigo, estivo integrado ademais por María del Mar Barca Gómez, en representación da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños (Afaber); Ángel Cordero Gómez e Ignacio Romero Sánchez, fotógrafos profesionais e profesores de Fotografía da Escola de Imaxe e Son da Coruña; Vari Caramés, fotógrafo profesional; Beatriz Fernánde Cortizas, licenciada en Belas Artes na especialidade de Deseño e Audiovisuais e profesora de Debuxo, e Nuria Cortés Bernárdez, auxiliar administrativa da Concellaría de Cultura, que exerceu coma secretaria.

A esta edición do certame presentáronse 74 participantes e 163 obras, 73 das cales poden verse na exposición que inauguramos onte e que estará aberta ata o 30 de abril.



Galería

Compartir: