Talía Teatro trae a Carballo “Ubú Rei”, o primeiro dos tres espectáculos de gran formato que ofrecen os Venres Culturais
A oferta escénica da fin de semana inclúe tamén a montaxe “Güela güela” de Galitoon dentro do ciclo En Familia
Luns 6 de marzo do 2017 Cultura
Volve o teatro aos Venres Culturais. Esta semana temos unha proposta dupla, pero ademais este venres 10 ás 21 horas asistiremos á case estrea (será a terceira representación) de “Ubú Rei”, a nova montaxe de Talía Teatro e o primeiro dos tres espectáculos teatrais de gran formato que pasarán nas vindeiras semanas polo escenario do Pazo da Cultura.
Nesta versión de Roberto Salgueiro, que tamén é o director da obra, a compañía ceense ofrécenos unha mirada nova do tantas veces representado “Ubú Rei” de Alfred Jarry.
- Intérpretes: Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Rubén Prieto, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Dani Trillo.
- Público: adulto Prezo da entrada ordinario: 4 € (con desconto 3 €)
"Güela güela" é un espectáculo para nenos e nenas de 2 a 6 anos
O domingo cambiamos o rexistro porque os destinatarios de “Güela güela” son os nenos e nenas de 2 a 6 anos. Galitoon chega a Carballo, dentro do ciclo En Familia (domingo 12, 18 horas) cunha aventura chea de cor, diversión, humor e música, que realza a importancia da amizade, a solidariedade e a familia.
“Güela güela” é a historia de Güily, unha cegoña pequeniña que decidiu levar aos papás un bebé esquecido... O espectáculo, encargado polo Museo Nacional do Prado, está inspirado no cadro “Concierto de aves”, de Frans Snyders.
- Público: familiar
- Prezo da entrada ordinario: 3 € (con desconto 2 €)