HOXE, ÁS 20.30
Javier Colis e Psychofonía abren o Curruncho Pop, que volve a converter a Biblioteca Rego da Balsa nunha sala de concertos
A segunda edición do festival inclúe seis concertos e un monográfico sobre Bob Dylan
Sábado 4 de marzo do 2017
A Biblioteca Rego da Balsa volve a transformarse nun auditorio musical para celebrar un novo Curruncho Pop, un ciclo de concertos de pequeno formato que dan cabida, por unha banda, a artistas emerxentes da nosa contorna, e, por outra, a cantantes ou grupos de culto que se moven á marxe das listas de éxitos.
Javier Colis
Nesta segunda edición, a Concellería de Cultura incrementa o número de concertos, que arrancan esta mesma tarde cunha proposta dupla. Dende A Rioxa chega Javier Colis, que posúe un son e un estilo inimitables, cunha particular e moi interesante experimentación e prospección dos límites sonoros e poéticos. Colis estivo presente en proxectos moi interesantes da escena de finais dos 80 e comezos os 90 con nomes como Demonios Tus Ojos, Vamos A Morir, e Mil Dolores Pequeños.
En “Nadie en el Espejo” (Luscinia, 2016), acompañado dos músicos Javier Díez Ena (baixo), Adrián Ceballos (batería) e Alba Morín (violín), atopámonos a un Javier Colis nun momento de espléndida madurez, mergullado sen ningún tipo de atadura nos seus referentes musicais, e entregando unha ducia de cancións intuitivas, lacerantes e dun neoclasicismo radical.
Hoxe tamén teremos a ocasión de coñecer o novo proxecto do carballés Suso Serrano, que xa nos ofreceu un anticipo onte no Rockarballo. Despois de moitos anos baixo o nome de Lowcos, Serrano e o santanderino Nacho Ferrero sorpréndennos con Psychofonía, cun estilo escuro e moi persoal que bebe de influencias de artistas como Nick Cave ou Surfin’ Bichos.
A entrada ao Curruncho Pop é de balde, e ademais os concertos comezan ás 20.30 para que poidades desfrutalos en familia. Dende hoxe ata o mes de xuño ofreceremos seis actuacións e un monográfico sobre Bob Dylan. O cartel completo, aquí abaixo.