VENRES CULTURAIS
Sete bandas locais saen a escena nunha nova edición do Rockarballo
The Cerne, Sonseis+, Dude, Psychofonía, Strobos, Amenaza de Muerte e Versión Imposible actúan ás 21 horas no Pazo da Cultura
Xoves 2 de marzo do 2017
Os vellos rockeiros nunca morren: seguen dando guerra se lles deixan. Polo menos, os da nosa vila, non hai máis que ver o cartel do #Rockarballo 2017, onde o sobado topicazo é dobremente cliché. Nas bandas que subirán este venres ao escenario do Pazo da Cultura (21.00 horas) hai moita porosidade, bo rollo, colaboracións e nomes que nos remiten a pioneiros como Helium, Trámites, Distrito 15100, Meigasfora ou Enfermos: Guillermo Mato, Alberto Martínez, José Buño, Andrés Rey, Huguete Periscal, Pepe Trámites... E os seus novos grupos (Versión Imposible, Sonseis+, Dude, The Cerne e Strobos) son (coa excepción de The Cerne, que alterna no seu repertorio temas propios e alleos) formacións de tributo a clásicos españois e internacionais do rock, pop e (en menor medida) do blues e do soul. Escoitaremos versións de Dire Straits, Gary Moore, Police, Pink Floyd, AC/DC, Nacha Pop, La Guardia, La Frontera, Celtas Cortos, Burning, Seguridad Social ou Héroes del Silencio.
O camiño de Psychofonía é outro: o carballés Suso Serrano (Lowcos) embarcouse co santanderino Nacho Ferrero neste novo proxecto de rock alternativo, experimental e moito que bailar.
A proposta menos convencional chegará con moitas baixas. Héitor é o único Amenaza de muerte que comparecerá no Pazo. A banda carballesa-malpicá anda estes días en plena campaña de crowdfunding de "False Prophets", o que será o seu cuarto traballo discográfico, do que din que está "cargado de brutalidade, escuras melodías, pesados breakdowns, esmagadoras baterías e esgazadoras voces guturais" que caracterizan o seu estilo death metal, deathcore e beatdown.
A entrada ao Rockarballo é de balde, ata completar aforo.