“Unhas poucas picadelas”, a proposta de Teatro de Ningures que encherá o último Venres Cultural ata despois do Entroido
A Concellería de Cultura presenta mañá martes a programación do Entroido
Luns 13 de febreiro do 2017
Este venres volve o teatro ao Pazo da Cultura coa compañía Teatro de Ningures, que desta volta achéganos un tema de máxima actualidade. En “Unhas poucas picadelas”, a autora, Laila Ripoll, afonda no terreo da violencia de xénero. A orixinalidade da súa proposta radica en que non hai unha historia concreta, ou, mellor dito, a aparente falta de historia semellar convidarnos a dar cabida a miles de historias reais e anónimas de violencia machista.
Os Venres Culturais achégannos, nesta última entrega antes do Entroido, unha obra de imaxes contemporáneas de ánimas en pena, algunhas iluminadas polos medios de comunicación, pero a maioría agochadas pola escuridade do anonimato. Estamos ante unha orixinal proposta que afonda no peso dos roles de poder e na violencia de xénero.
O Concello de Carballo toma a dianteira na oferta cultural galega con preto de 20 propostas do máis alto nivel para os Venres Culturais, que farán un parón despois da actuación de Teatro de Ningures (vernes 17, 21 horas, Pazo da Cultura) para celebrar o Entroido. O programa presentarase mañá martes ás 13.00 horas no Pazo da Cultura.