Esta semana chegan a Carballo a música de Caxade, o teatro en familia de Sarabela e a arte do Certame Isaac Díaz Pardo
Continúa a programación dos Venres Culturais con propostas para todos os públicos
Luns 6 de febreiro do 2017
Música, teatro e arte é o trío de propostas dos Venres Culturais para esta semana despois do bo sabor de boca (e neste caso non é só figurado) que deixou a “Raclette” de Ibuprofeno Teatro.
A banda de Alonso Caxade
Este venres toma o relevo a música para achegarnos “E isto é o amor”, o terceiro álbum da banda de Alonso Caxade, que en moi pouco tempo conseguiu situar o seu particular proxecto musical coma un dos referentes musicais galegos, con premios coma Martín Códax da Música, Premio Opinión ao Mellor Artista ou Premio Música Xove. Este venres chegará ao Pazo da Cultura (21.00 horas) acompañado pola súa banda, coa que retoma os antigos sons das orquestinas da Europa de principios do século XIX engadindo certos toque surrealistas e un discurso reivindicativo nas súas letras.
Sarabela presenta "O secuestro da bibliotecaria"
O teatro volverá o domingo (Pazo da Cultura, 18.00 horas), desta volta da man de Sarabela Teatro e cun espectáculo para desfrutar en familia. “O secuestro da bibliotecaria” é a disparatada e divertida historia duns bandidos que pretenden xerar un caos cultural secuestrando á bibliotecaria e obrigando ás autoridades a pagar un rescate. Pero a historia vaise complicar máis do que esperan, para converterse unha comedia chea de maxia e tenrura. Sarabela Teatro é unha das compañías máis consolidadas de Galicia, cunha traxectoria de 36 anos e numerosos galardóns, polo que o espectáculo está servido.
A oferta cultural desta semana inclúe tamén a exposición das obras seleccionadas no XIV Certame de Artes Gráficas Isaac Díaz Pardo, que poderá verse a partir do sábado 11 no 3º andar do Pazo da Cultura. No andar -1 continúa aberta ata o día 19 a mostra de Chiña e Mon Lendoiro “Un mar de sensacións”.