Consellos Parroquiais
O Regulamento Municipal de Participación Cidadá define os Consellos Parroquiais como "órganos desconcentrados de participación, consulta, información, control e propostas da xestión municipal (...), que permiten e impulsan a nivel parroquial a participación de veciños, colectivos e entidades" (artigo 40).
O Concello de Carballo quere promover a creación dos Consellos Parroquiais previstos no regulamento co obxectivo de que a veciñanza adquira un papel cada vez máis activo na toma de decisións, creando deste xeito un sentimento de corresponsabilidade na definición das políticas públicas.
Para camiñar nesa dirección, puxemos en marcha un proceso no que nos marcamos os seguintes obxectivos:
- Motivar o empoderamento das asociacións existentes nas parroquias rurais, contando con elas ao longo de todo o proceso.
- Xerar corresponsabilidade na veciñanza para a posta en marcha dos Consellos Parroquiais.
- Levar a cabo accións de sensibilización e información abertas ao conxunto da veciñanza sobre a necesidade e a utilidade da participación veciñal.
- Constituír un Grupo Impulsor da participación veciñal nas 17 parroquias rurais.
- Definir de forma colaborativa a estrutura, as competencias e as funcións dos Consellos Parroquiais.
- Crear unha canle bidireccional de comunicación entre a veciñanza das parroquias rurais e o Concello de Carballo.