O proxecto de arte pública de Carballo chega á parroquia de Sofán a través dun mural fotográfico de homenaxe ás Mártires
Verónica Ramilo Graña, alumna da escola de artes Pablo Picasso, é a autora do mural que podes ver na planta alta do Centro Social
Mércores 15 de xuño do 2022
Verónica Ramilo, Evencio Ferrero e Xan Fraga, xunto ao mural
O 16 de febreiro do 2019, nun acto organizado conxuntamente polo Consello Parroquial de Sofán, a Agrupación Cultural Lumieira e o Concello de Carballo, a veciñanza rendeu homenaxe a María Caamaño Pallas, Carmen Veira Souto, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato, as Mártires de Sofán. Despois dese primeiro acto de recuperación da memoria histórica, co gallo do centenario dos enfrontamentos entre a parroquia de Sofán e a Garda Civil que se saldaron coas mortes das catro mulleres, as Mártires de Sofán recibirán este venres unha nova homenaxe en forma de intervención artística.
O proxecto de arte pública de Carballo chega á parroquia de Sofán, nunha iniciativa da Concellaría de Participación Veciñal, para materializar a proposta artística de Verónica Ramilo Graña, alumna da escola EASD Pablo Picasso da Coruña, que escolleu ás Mártires de Sofán para protagonizar o seu proxecto final dos estudos de Fotografía, un mural fotográfico no que utilizou unha técnica de arte urbana denominada paste-up para realizar unha composición estilo collage en branco e negro.
“Despois de facer un traballo de investigación sobre o acontecido hai 100 anos nesta parroquia de Sofán, realizando entrevistas con varias familiares directas das asasinadas, e recollendo a información que recompilaron persoas coma o historiador Xan Fraga, realicei unha interpretación persoal do acontecido, remarcando a forza das mulleres para enfrontarse ao poder”, explica a artista. O propio historiador, xunto co alcalde, Evencio Ferrero, acompañaron á artista no acto de inauguración do mural, que podes visitar na planta alta do Centro Social.
Verónica Ramil explicou a historia e o contido do mural
Verónica Ramilo sinala que o seu interese nas figuras destas catro mulleres ten que ver coa súa residencia actual nunha parroquia do veciño concello da Laracha que linda coa parroquia de Sofán, á que tamén está unida por lazos familiares porque o seu bisavó era de Sofán. Pero, máis alá das relacións xeográficas e familiares, a artista quere “recuperar e visibilizar as historias das mulleres do rural que tiveron parte activa nas revoltas populares da historia de Galiza”, destaca.
Para a elaboración do mural, Verónica Ramilo contou coa colaboración de varias persoas que posaron para a recreación, entre elas unha familiar directa dunha das mulleres asasinadas hai 103 anos.