Á venda as camisetas coa imaxe do festival
O Rockin’ Carballo presenta o cartel máis completo da súa historia nun festival con novo formato e dous escenarios
Lagartija Nick, Atom Rhumba, Bala, Familia Caamagno, Bento Veloso & Los Doce Trinches, Paul Collins e os carballeses Psychofonía e Chico Azul actuarán o día 1
Martes 27 de xuño do 2017
O Rockin’ regresa a Carballo co cartel máis completo da súa historia. Oito grupos, dous escenarios e novo formato representan a forte aposta que realizan a comisión de festas e a Concellería da Mocidade pola consolidación dun festival que cada ano gaña en calidade, público e espectáculo. Tras o paso por Carballo de bandas como The Trashmen, Chesterfield Kings, Roy Loney, Barrence Whitfield, Sex Museum ou Los Coronas, este ano tiramos a casa pola ventá con auténticos primeiras filas do panorama musical alternativo estatal e mesmo internacional. Paul Collins, que está máis activo que nunca e do que poderemos gozar en Carballo en formato acústico, encabeza un cartel que parece pensado para que non teñamos que escoller, e que poidamos gozar da mellor música alternativa do momento.
Escenario Palmeira e Escenario Rego da Balsa
Paul Collins será, precisamente, o primeiro en subir ao novo Escenario Palmeira o sábado 1 ás 13.00 horas, nunha sesión de vermú inédita que incluirá dous pases. No primeiro, ata as 14.00 horas, gozaremos co co rock&roll no seu estado máis puro, con boas cancións e a alta dose de paixón que acompañan cada actuación do neoiorquino.
O segundo pase, xa pola tarde, terá un acento moi carballés. Ás 17.00 horas será a quenda de Psychofonía, o proxecto de Suso Serrano (voz e guitarra), Nacho Ferrero (guitarra), Nanny Mouro (baixo e guitarra) e Álvaro Souto (batería), que abrangue desde o rock clásico ata os sons máis modernos e tamén variedade de idiomas, con composicións en galego, inglés e castelán. E ás 18.00 horas chegará o rock psicodélico de Chico Azul, grupo carballés de recente creación aínda que os seus compoñentes, David Torres (guitarra e voz) e Sebastián Fariña (batería) están curtidos en mil trincheiras.
A música trasladarase do Escenario Palmeira ao Escenario Rego da Balsa ás 19.30, para ofrecernos unha tarde-noite co melloriño da música independente. Comezarán os coruñeses Bento Veloso & Los Doce Trinches, e continuarán Familia Caamagno (20.20 horas), Bala (21.30), Lagartija Nick (22.35) e Atom Rhumba (24.00 horas). A entrada, como sempre, de balde.a
Camisetas e chapas
Este ano, ademais, os organizadores queren explotar o chulísimo cartel, que rende a súa homenaxe particular a Jimi Hendrix cunha imaxe de gran potencia visual na que comparten protagonismo o mellor guitarrista de rock da historia e a nosa árbore máis senlleira, unha vez máis grazas á creatividade do deseñador carballés Juan Félix Gende. Ata o venres pola tarde están a venda camisetas do Rockin’, que están tendo moitísima demanda. Por só 10 euros, ademais da camiseta agasállanse dúas chapas do festival. Os puntos de venda son a Biblioteca Rego da Balsa e a tenda o Recuncho Ecolóxico, no mercado municipal.