Carballo recibiu durante a fin de semana a milleiros de persoas
A Praza do Concello rexistrou un cheo histórico durante o concerto de David Bustamante
Luns 26 de xuño do 2017
No concerto de David Bustamante non había máis xente porque non cabía. Foi, sen dúbida, o momento estelar dunha fin de semana caracterizada pola presenza de milleiros de persoas nas rúas de Carballo practicamente da mañá á noite. Malia o tempo de praia que nos acompañou tanto o sábado como o domingo, unha multitude optou por gozar das actuacións e atraccións das Festas de San Xoán, convertendo o corredor entre a Praza do Concello e o San Martiño, sobre todo, nun auténtico formigueiro, e ampliando o perímetro das celebracións máis alá o centro.
Durante o concerto de David Bustamante rexistrouse un cheo histórico, e non só na Praza do Concello. Todos os espazos gratuítos de aparcamento estaban cheos, e nas rúas os coches estendíanse desde o complexo deportivo Carballo Calero ata o Vila de Noia, e desde o San Cristovo ata As Labradas. Durante a Semana Grande non está operativa a Zona Azul, o que facilita o estacionamento nos momentos de maior demanda, pero a “dispensa” remata hoxe, e a partir de mañá volverá a rexer a ordenanza que regula a limitación do tempo de permanencia dos vehículos na mesma zona a 90 minutos.
O San Xoán máis longo da historia regresará a fin de semana con actividades deportivas, o festival Rockin’ o sábado 1 de xullo e a Festa do Bosque o domingo 2
Mañá será tamén o último día da Semana Grande, que non das festas. Os nenos e as nenas terán descontos nas barracas que permanezan no San Martiño, ás 19.30 celebrarase o tradicional festival de fin de curso do alumnado da Escola da Rúa, e ás 20.30 será a misa solemne na honra da Nosa Señora do Perpetuo Socorro. O San Xoán máis longo da historia regresará a fin de semana con actividades deportivas, o festival Rockin’ o sábado 1 de xullo e a Festa do Bosque o domingo 2.