O prestixioso científico amosou o seu orgullo de recuperar as súas raíces bergantiñás

Ángel Carracedo: “Este será o último pregón da miña vida, porque os pregóns só se poden dar nos sitios dos que se sente un”

Evencio Ferrero lembrou na súa intervención ao policía local José Luis Garea e ao poeta, percebeiro e político Paco Souto

Xoves 22 de xuño do 2017

Este é o meu terceiro pregón e seguramente o último da miña vida, porque os pregóns só se poden dar nos sitios dos que se sinte un. Un foi en Santa Comba a miña terra natal nas festas de San Pedro; outro, o das festas do Apóstolo en Santiago, a miña terra adoptiva, e este ten que ser aquí en Carballo, a miña terra bergantiñá querida, que non sei que me pasa con ela pero canto máis estou máis me gusta seguir aquí”. Á multitude de recoñecementos, premios, distincións e títulos que avalan a carreira científica de Ángel Carracedo, catedrático en Medicina Legal, investigador e experto en xenética, súmase desde hoxe “a honra”, como dixo en varias ocasións, de ser pregoeiro do noso San Xoán.

Non precisou moitas palabras Ángel Carracedo para explicar os estreitos vínculos que ten con Carballo e Bergantiños. En primeiro lugar, familiares: “Como moitos sabedes –explicou- os Carracedo de Santa Comba somos de Rus”. En segundo lugar, profesionais: “Descubrín aquí en Carballo país e nais que son un exemplo do que fan con fillos con problemas”. E en terceiro lugar, educativos: “De cando en vez escollo algún rapaz para apadriñalo no seus estudios, e mirade que vou por toda Galicia, pero os últimos son todos de Bergantiños”. Foron precisamente os estudantes do seu “club de fans” os que axudaron a conseguir que a petición de Evencio Ferrero para que Ángel Carracedo fose pregoeiro das festas recibise o aval definitivo. E serán tamén eles os “culpables” de que este ano, por primeira vez, participe na Festa do Bosque, onde será igual de benvido que hoxe.

Agasallos e agradecementos

O carballo de Sargadelos e un retrato de Mon Lendoiro no que recolle todas as súas afeccións marcharon hoxe de Carballo con Ángel Carracedo, unha persoa que, como destacou o alcalde na súa intervención, “practica o humanismo da maior sensibilidade”. Evencio Ferrero pechou o acto de apertura oficial do San Xoán cun emotivo discurso no que tivo palabras de agradecemento para o pregoeiro pero tamén para todas as persoas que fan posible a celebración das nosas festas, desde a Policía Local ou Protección Civil ata a Brigada de Obras, desde a comisión ou o persoal da Concellería de Cultura ata a Banda Municipal de Música, que hoxe estreou a súa nova composición e que por primeira vez estivo dirixida por Rafael Espido Lata.

Pero as primeiras palabras do alcalde de Carballo hoxe foron para o policía local José Luis Garea, “porque non estará a traballar para que estas datas sigan sendo un amplo espazo de convivencia”, e para Paco Souto, “ao que o mar ousou levar cando estaba a traballar procurando sustento para os seus”. Os aplausos de toda a Praza do Concello, chea como nunca nunha tarde de pregón plenamente estival, reforzaron as palabras de lembranza e agradecemento que impregnaron a intervención de Evencio Ferrero.



Galería

Compartir: