Milleiros de persoas participaron durante a fin de semana nas primeiras actividades do San Xoán
A verbena coa orquestra Panorama foi multitudinaria
Luns 12 de xuño do 2017
Exhibición de capoeira na Praza do Concello
Non puido haber mellor estrea para o San Xoán, porque, ademais de acompañar o tempo, como pedía a concelleira de Festas, Mar Eirís, e reiteraba o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación programa, Carballo gozou dunhas actividades espectaculares grazas ao traballo da comisión, pero tamén da hostalería que se implicou na organización da verbena do sábado, e de entidades como Abadá Capoeira, as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz ou a Asociación Cultural Vehículos Clásicos Classic Car Carballo. Co esforzo de todos e todas a fin de semana foi redonda.
Comezamos o sábado ás 20 horas, co tempo xusto para volver da praia cando empezou a refrescar, cunha exhibición de capoeira que permitiu ver en acción ao alumnado local pero tamén a profesores e graduados de toda España, Brasil, Portugal e Alemaña. Tras unha breve introdución da actividade por parte do Licenciado Patas saíron ao centro da roda os primeiros e primeiras capoeristas, nenos e nenas que se inician nesta arte dende moi pequenos.
Co escenario e as barras xa preparadas para a verbena, o que todo o mundo agardaba era a chegada da orquestra Panorama, como demostran os milleiros de persoas que ateigaron a Praza do Concello nunha noite espectacular en todos os sentidos. O Dreams Tour 2017 prometía e non defraudou malia o retraso en comezar.
Actividade deportiva
Outra das actividades estrela e multitudinarias da fin de semana foi o XIII Torneo Internacional F7 Alevín Concello de Carballo, que tivo un gañador tamén internacional, o AFA Angola. Pero non foi a única cita deportiva, xa que, aínda que non formaba parte do programa do San Xoán, o sábado celebrouse na planta alta do Mercado Municipal o II Torneo de Xadrez Activo Fundación Luis Calvo, con 113 participantes de todas as idades e no que se impuxo o principal favorito, o serbio GM Aleksa Strikovi. O sábado disputouse tamén a Copa Bergantiños de baloncesto, con equipos de toda a contorna.
Concentración de coches clásicos nas instalacións de Conservas Calvo (Foto: Raúl Lorenzo)
O domingo gozamos doutra actividade vistosa e orixinal, a III Xuntanza de Coches Clásicos, que arrancou pasadas as 10 da mañá das instalacións do Grupo Calvo cunha caravana formada por 147 vehículos e un total de 312 participantes adultos. O percorrido foi espectacular, pero cando máis desfrutou o público foi pola tarde, na exposición dos coches na Praza do Concello de Carballo, que volveu a encherse.
Se a todo iso lle engadimos a clausura do programa de exercicio físico para maiores, que congregou a centos de persoas no pavillón Vila de Noia, e a exhibición de bailes de salón que tivo lugar no Pazo da Cultura, o Curruncho Pop dedicado a Bob Dylan e o baile co Dúo Marineda organizado pola Concellaría da Terceira Idade para o domingo pola tarde, que estivo tamén moi concorrido, a cifra non deixa de medrar, e demostra unha vez máis o gran dinamismo que ten a nosa vila en todos os eidos, entre eles o cultural, o deportivo e o festivo.