Espazo natural Razo-Baldaio

Praia de Razo

O espazo natural Razo-Baldaio, que é un dos máis valiosos e extensos de Galicia e de destacada importancia ecolóxica, é Rede Natura e ZEPA (Zona de especial protección para as aves). A súa bela paisaxe, mestura de mar aberto, longas dunas, amplos areais, lagoa e marisma, é un lugar de goce estético, tamén para o acougo e o relax.

Aves en Baldaio

Na era do Cuaternario, unha lingua de area pechou o que era unha enseada, dando lugar a un espazo onde converxen as augas salgadas do mar e as doces dos ríos da contorna, o que orixina un valioso ecosistema. A este está unido, a través dun sistema dunar de máis de 3 quilómetros, o areal de Razo, unha auténtica praia fósil que foi evolucionando ao longo de milleiros de anos. Razo, co seu mar aberto, é un espazo ideal para os amantes do surf. De aquí parte a Depresión Meridiana, a fondeira de 140 quilómetros que divide Galicia de norte a sur, dende Razo ata Tui. Ao longo desta fondeira, atópanse algunhas das principais vilas galegas como o propio Carballo, Caldas de Reis, Padrón, Pontevedra, Redondela ou Tui, dado que son terras moi fértiles, vales chans e produtivos, moi axeitados para o desenvolvemento da vida humana.

Outro dato xeolóxico que cómpre destacar do solo carballés é a presenza do volframio, que fixo da vila unha zona de interese estratéxico de primeiro nivel durante a II Guerra Mundial. Da mina de Monte Neme extraíase este mineral que o exército alemán empregaba para reforzar o seu armamento, feito que provocou que Estados Unidos nos bloqueara a chegada de combustible como represalia. Por eses anos, espías ingleses acudían ao estraperlo para que os veciños e veciñas do lugar lles vendesen o volframio e así evitar que chegasen a mans alemás.

Pedra do Sal

Desde o punto de vista xeolóxico, tamén é interesante a praia da Pedra do Sal coas súas fracturas nas rochas provocadas polos movementos da codia terrestre.

O particular ecosistema de Baldaio posúe unha gran riqueza tanto na fauna coma na flora. Na lagoa habitan multitude de aves, moitas delas únicas en Galicia, como a píllara papuda, unha especie en perigo de extinción que fai parada e hiberna nas dunas. Tamén se poden atopar corvos reais, mascatos, pardelas, mazaricos, ou garzas reais e mesmo exemplares de escribenta nival. Na marisma, lugar fértil por excelencia polos seus nutrientes, ofrece unha gran riqueza marisqueira, da que son protagonistas os afamados berberechos de Baldaio, as ameixas, os mexillóns, os longueiróns ou as ostras que se crían nas súas areas; sen esquecer os seus peóns, peixes típicos de Baldaio.

Ao igual que a fauna, a flora deste espazo natural caracterízase pola súa diversidade, dada a variedade de ecosistemas que conflúen: a marisma, a lagoa, o areal, os cantís... Son plantas moi resistentes, posto que se expoñen a condicións difíciles como o vento, o sol, os chans areosos, os niveis altos de salinidade e as continuas oscilacións das mareas. Na zona dos cantís abunda o pirixel de mar, a mítica herba de namorar e fentos mariños. No sistema dunar, a vexetación é diferente a sotavento, ao resgardo, máis rica, que a barlovento, de fronte ao vento, menos abundante.



Galería

Compartir: