Inicio Áreas Participación veciñal Novas Os procesos de participación...

Os procesos de participación veciñal dan un paso máis coa constitución dos consellos deportivo e escolar municipais

Mércores 13 de marzo do 2024

O consello deportivo municipal quedou constituído o martes 12 de marzo

O consello deportivo municipal quedou constituído o martes 12 de marzo

O Concello de Carballo aposta pola participación veciñal na xestión municipal a través de diferentes canles, entre elas os consellos deportivo e escolar, que, como é preceptivo en cada novo mandato, veñen de renovar a súa composición.

Este martes quedou constituído o Consello Deportivo Municipal, presidido polo alcalde, Evencio Ferrero, e do que forman parte o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, polo BNG; Rubén Lorenzo, do PP; Valentín Costa, do PSOE, e os/as representantes elixidos polo movemento asociativo: Club de salvamento e socorrismo Carballo (Sysca), Escola Lubiáns de hóckey a patíns, Club Ciclista Carballo, Escolas Balonmán Xiria, Sociedade Deportiva Sofán e Asociación de nais e pais de alumnos A Granxa do CEIP Bergantiños. Tamén asistiu o técnico de Deportes do Concello, Manuel Varela Bardanca.

Nesta primeira xuntanza procedeuse á creación de dúas comisións de traballo. Unha encargarase de traballar na organización dunha gala do deporte e a outra elaborará un plan de fortalecemento das asociacións deportivas, que comezará coa organización dunhas xornadas formativas para equipos directivos.

Consello Escolar Municipal

Este mes rematou tamén o proceso de constitución do Consello Escolar Municipal, que celebrará a súa primeira xuntanza unha vez remate o prazo de matrícula para o curso 2024-25. A presidencia do consello corresponde ao alcalde, e a vicepresidencia, á concelleira de Educación, Mar Eirís.

Como vogais figuran Xosefa Bastón Osinde, Terresa Rodríguez Rama e Carolina Carreira Pacoret, en representación do profesorado; María José Bértoa Aldao, polo ANPE; Paula María Sanjurjo Albadornedo, Sandra Mariño Villar, María Dolores Serrano Bolón, Vanessa Antelo Varela, José Bustelo Tarrío e Ana María Mira Lois, como representantes das familias; Rubén Lorenzo, polo grupo maioritario da oposición; Teresa Rodríguez Rama e Patricia Rodríguez Bardanca, polas direccións dos centros de ensino; Alfonso Varela Vidal (CIG) e Margarita Garrido Mille (CCOO), polos sindicatos maioritarios do ensino; Dina Río Abelenda, dos movementos de renovación pedagóxica; Gustavo Álvarez Nogueira, do movemento asociativo, e Manuel Trigás Verdini, da administración educativa. Non haberá representación do alumnado xa que non se presentou ningunha candidatura.

Compartir: