Inicio Áreas Participación veciñal Novas Ampla participación na xornada...

Ampla participación na xornada de presentación do proxecto da primeira comunidade enerxética local

A actual capacidade fotovoltaica da zona urbana Carballo permitiría abastecer 19.400 vivendas

Venres 26 de xaneiro do 2024

O concelleiro de Innovación, Fondos Europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, Iván Andrade, e o técnico da unidade de xestión enerxética da Deputación da Coruña, Xosé Manuel Golpe, presentaron no Fórum Carballo o estudo para a implantación dunha comunidade enerxética local, a primeira que queremos poñer en marcha no noso concello.

A xornada reuniu a máis de cincuenta persoas, mostra do crecente interese por este sistema de xeración de enerxía para autoconsumo. Segundo o estudo de viabilidade realizado, a capacidade fotovoltaica actual de todo o territorio de Carballo permitiría abastecer 19.400 vivendas. Iván Andrade presentou unha simulación feita a partir de datos reais: no Fórum Carballo, que cualificou como un punto idóneo dado que todas as cubertas son planas e case non hai sombra, poderían instalarse 184 paneis, que xerarían a enerxía suficiente para 34 vivendas cunha instalación tipo de 100Kwp.

O proxecto promovido polo Concello de Carballo establece o Fórum como un punto de partida para estender o servizo a todo o territorio municipal. Ademais de favorecer a transición á descarbonización do noso sistema enerxético, a comunidade enerxética local fará posible a produción de enerxía dun xeito local e máis sostible, así como a optimización dos investimentos públicos e privados en enerxías renovables, almacenamento e redes eléctricas.

A comunidade enerxética local é unha entidade xurídica promovida, neste caso, polo Concello de Carballo, á que poderán adherirse tanto cidadáns a título particular coma empresas ou outras institucións. Tal como explicou Iván Andrade, o proxecto no que estamos a traballar implica que para ser membro do colectivo non será precisa a colaboración económica da veciñanza, que, sen embargo, poderá beneficiarse de aforros na factura eléctrica. O concelleiro engadiu que desde o goberno municipal preténdese facilitar o proceso de integración da cidadanía, así como promover a expansión a todo o municipio e acadar unha estabilidade a longo prazo tanto desde o punto de vista económico coma desde o social.

Xosé Manuel Golpe e Iván Andrade

Xosé Manuel Golpe e Iván Andrade

Con este punto de partida, os seguintes tres pasos que habería que dar serían acadar o acordo das persoas interesadas, elaborar o proxecto técnico da instalación de xeración e constituír a comunidade enerxética para seguir avanzando no proceso.

O técnico da Deputación explicou os aspectos legais e as distintas fórmulas que poderían utilizarse para a constitución da comunidade enerxética local e as importantes vantaxes que podería supoñer para a veciñanza. Golpe deu a coñecer nese sentido experiencias que xa están en marcha noutros puntos do estado.

Compartir: