Inicio Áreas Participación veciñal Novas Unha exposición de cogomelos...

DOMINGO 29, A PARTIR DAS 11.00 H, NO MERCADO MUNICIPAL

Unha exposición de cogomelos pecha as intensas Xornadas Micolóxicas organizadas polo Concello e Lumieira

Dúas saídas para persoas adultas, outra para peques e un showcooking contribuíron ao achegamento da micoloxía a todos os públicos

Sábado 28 de outubro do 2023

Este ano estamos aprendendo máis ca nunca sobre os cogomelos. Grazas á colaboración entre a Concellaría de Medio Ambiente e a Asociación Cultural Lumieira, ao longo do mes de outubro desenvolvéronse dúas saídas para persoas adultas, outra para nenos e nenas e un showcooking. Todas estas actividades, destinadas a achegar a micoloxía a todos os públicos, culminarán este domingo 29 de outubro cunha exposición de cogomelos no mercado municipal. A partir das 11.00 horas, no vestíbulo con acceso directo desde a rúa Gran Vía, contaremos cos micólogos Raquel Poncini Gómez e Pablo Cuadrado Prado para ofrecer todas as explicacións sobre os distintos exemplares e aclarar as dúbidas que poidan xurdir.

Participantes na saída de hoxe

Participantes na saída de hoxe

Hoxe realizouse a última saída, e aínda que estivo pasada por auga, os/as participantes remataron máis que satisfeitos. Medio cento de persoas, guiadas polo micólogo Tomás Rodríguez, realizaron unha recolleita de cogomelos pola parroquia de Artes, na mesma zona e co mesmo experto co que que hai unha semana realizamos cunha vintena de nenos e nenas de seis a doce anos a primeira experiencia municipal de micoloxía infantil.

Ademais de realizar unha recollida polo monte, Tomás Rodríguez ofreceu unha interesante clase práctica á rapazada participante e aos seus pais e nais. Despois da saída, as familias puideron degustar un chocolate quentiño con pan de ovo e biscoitos das Panadarías de Carballo, e para os nenos e nenas contamos co Mouro Moure para seguir traballando, desde unha perspectiva lúdica, no coidado da natureza.

O mesmo día desenvolveuse na cociña da Escola de Hostalaría, no Fórum Carballo, un showcooking no que o cociñeiro Miguel Silvarredonda preparou un total de 7 pratos (6 salgados e 1 doce) con cogomelos, divulgando deste xeito as numerosísimas posibilidades culinarias que ofrecen.



Galería

Compartir: