Inicio Áreas Participación veciñal Novas A Universidade Sénior chega a...

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN

A Universidade Sénior chega a Carballo para compartir experiencias e coñecemento cos veciños e veciñas maiores de 50 anos

Representantes da UDC e do Concello presentaron o programa, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro

Mércores 4 de outubro do 2023

Nancy Vázquez, Evencio Ferrero, Matilde García e Mar Eirís

Nancy Vázquez, Evencio Ferrero, Matilde García e Mar Eirís

Carballo será a partir deste ano unha das sedes do "Proxecto de democratización do coñecemento", o programa de formación universiaria para maiores de 50 anos que promove a UDC a través da Universidade Sénior. Unha "feliz iniciativa", como a cualificou o alcalde, Evencio Ferrero, que se enmarca nun proceso de colaboración, cada vez máis amplo, entre o Concello de Carballo e a Universidade da Coruña.

Evencio Ferrero foi un dos participantes no acto de presentación desta primeira edición, no que tamén participaron a concelleira de Educación e Terceira Idade, Mar Eirís; a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez Veiga, e a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez. No vídeo podes ver un resumo.

O Programa de democratización do coñecemento que impulsa a Universidade Sénior vai dirixido a persoas maiores de 50 anos, tanto de Carballo coma do resto da comarca de Bergantiños, ata un máximo de cen prazas. Trátase dun proxecto de formación universitaria específico, gratuíto (conta co financiamento da propia UDC, da Xunta de Galicia e do Concello de Carballo) e para o que non se precisa formación previa, senón, simplemente, "ganas de aprender", como indicou a directora da Universidade Sénior.

As sesións desenvolveranse de xeito presencial, no auditorio do Fórum Carballo, durante os meses de outubro e novembro. A inscrición, que é gratuíta, pode realizarse de xeito on-line a través do espazo web https://universidadesenior.org/carballo/ ou presencialmente no Concello de Carballo.

O programa consta de tres módulos, con sesións teóricas, de 17 a 19 horas, e sesións prácticas, impartidas, en dous días a semana, por profesorado da Universidade da Coruña, con diferentes temáticas:

MÓDULO I: ARTE E PATRIMONIO
• 24 de outubro. “Unha filosofía da amizade: Michel de Montaigne”. Prof. Alberto Sucasas Peón
• 25 de outubro. “Divertimentos amorosos nos cartóns de Goya”. Prof. Juan de Dios Ruano Gómez
• 31 de outubro. “Picasso, ruptura da historia”. Prof. José Ramón Soraluce Blond
• 3 de novembro, de 10:30 a 13:30 horas. Visita cultural

MÓDULO II: CIENCIA E TECNOLOXÍA
• 7 de novembro. “Importancia da Ciencia e a Tecnoloxía na Historia e na Sociedade Actual”. Prof. Juan José Galán Díaz
• 9 de novembro. “Xeobotánica, a Ciencia que nos fai entender e valorar a nosa contorna”. Prof. Javier Cremades Ugarte
• 14 de novembro. “Matemáticas, existen en todas partes?”. Prof. Mª Cristina Naya Riveiro
• 15 de novembro. Saída de campo

MÓDULO III: SAÚDE E BENESTAR
• 21 de novembro. “Xenéticamente deseñados para o movemento”. Prof. Esther Fernández Fernández
• 22 de novembro. “Durmir ben, vivir mellor: Importancia do sono para unha vida plena”. Prof. Carmen de Labra Pinedo
• 28 de novembro. “Tecnoloxía para a Saúde e a Vida Activa”. Prof. Betania Groba González e Prof. Laura Nieto Riveiro.
• 29 de novembro. Sesión práctica de Nutrición

O día 29 de novembro, a partir das 19 horas, terá lugar o acto de clausura e entrega de diplomas aos participantes.

Ligazóns

Vídeos

Compartir: