Inicio Áreas Participación veciñal Novas Arranca en Aldemunde unha nova rolda de...

Arranca en Aldemunde unha nova rolda de consellos parroquiais coa participación dunha vintena de persoas

A próxima xuntanza celebrarase o xoves 21 no centro social de Ardaña

Venres 15 de setembro do 2023

O centro social de Aldemunde acolleu este xoves unha nova xuntanza do consello parroquial, a primeira dunha nova rolda que nos levará nos vindeiros meses por todas as parroquias e na que, ademais do alcalde, Evencio Ferrero, participará o concelleiro de Participación Veciñal, Daniel Pérez. Nesta ocasión tamén estivo presente o concelleiro de Obras, Luis Lamas, como representante do BNG, e ademais asistiron os concelleiros do PP Beatriz Neira e José Rey. Pero, sobre todo, houbo unha gran participación veciñal, xa que asistiron unha vintena de persoas, é dicir, un 24% da poboación da parroquia.

A secretaria do consello parroquial trasladou aos representantes municipais as peticións recollidas nunha reunión previa da veciñanza, practicamente todas relacionadas coa rede viaria e, fundamentalmente, pola carencia de gabias en varias vías, por raíces de árbores que levantan o asfalto ou polos danos que causa o transporte de madeira. Luis Lamas explicou que xa está traballando a empresa concesionaria do mantemento de vías, e que eses problemas quedarán solucionados, e tamén instou á veciñanza a poñer en coñecemento do Concello a identidade das empresas madeireiras que causan os danos para poder esixirlles a súa reparación.

A limpeza das beiras da antiga estrada Carballo-A Silva, de titularidade autonómica, ou a extensión da fibra óptica son tamén preocupacións veciñais que se trasladarán ás entidades competentes.

Pola súa banda, o goberno municipal informou da próxima adquisición dos terreos do dolmen de Pedra Moura para poder acometer un proxecto arqueolóxico e da proxima elaboración dun proxecto de pavimentación do núcleo de Aldemunde de Arriba. O alcalde insistiu na necesidade de que a veciñanza estableza unha orde de prioridades para ir acometéndoas na medida das posibilidade e tendo en conta que nas 18 parroquias do noso concello hai necesidades que atender.

A semana que vén reunirase o consello parroquial de Ardaña (xoves 21, ás 20.00 horas).

Compartir: