Inicio Áreas Participación veciñal Novas Os centros sociais de Vilela e A Brea,...

Os centros sociais de Vilela e A Brea, próximas paradas do programa “Actívate”

Esta semana tamén rematou en San Miguel o curso de manexo dos teléfonos móbiles, e o martes comezará outro en Carballo

Sábado 25 de febreiro do 2023

O alcalde visitou aos participantes no curso do teléfono móbil en Vilela

O alcalde visitou aos participantes no curso do teléfono móbil en Vilela

O programa Actívate segue viaxando polo concello. Este luns 27 comezarán as charlas informativas na parroquia de San Miguel de Vilela, na que vén de rematar esta semana o curso de manexo dos teléfonos móbiles. Na última sesión, os/as participantes recibiron a visita do alcalde, Evencio Ferrero, que os animou a asistir tamén ás distintas actividades que se desenvolverán nas vindeiras semanas.

Este luns 27, ás 17.00 horas, achegaranse ata o centro social de Vilela dous axentes da Policía Local para abordar coa veciñanza diferentes cuestións de interese, dende a mellora da seguridade viaria ata outro tipo de cuestións relacionadas coa actividade policial. Os/as asistentes recibirán un chaleco reflectante para empezar a poñer en práctica os consellos que lles darán os axentes.

As seguintes sesións celebraranse os días 6 e 13 de marzo, á mesma hora, e centraranse na compostaxe doméstica e nos primeiros auxilios. Todas as charlas son de balde e están abertas á participación de todas as persoas interesadas, tanto da parroquia de Vilela coma de calquera outra.

A Brea, seguinte parada

Tras estas actividades, que se desenvolven en conxunto co consello parroquial de Vilela, o programa Actívate viaxará ata o barrio carballés da Brea coa colaboración da Asociación Cultural Mestra Carmen Cancela. O día 8 de marzo comezará o curso de manexo do teléfono móbil. As persoas interesadas en participar aínda poden anotarse poñéndose en contacto coa directiva da asociación ou enviando un correo electrónico cos seus datos a comunicacion@carballo.gal.

As charlas sobre seguridade viaria, compostaxe e primeiros auxilios celebraranse os días 16, 23 e 30 de marzo, tamén ás 17.00 horas.

Teléfono móbil en Carballo

Este martes 28 de febreiro tamén comezará un novo curso para mellorar o uso dos smartphones en Carballo. Nesta ocasión celebrarase no edificio do mercado municipal, nun posto exterior con acceso directo dende a rúa Cervantes. Debido á gran demanda para participar neste tipo de talleres que existe na parroquia de San Xoán Bautista, está previsto celebrar todos os necesarios ata poder atender as solicitudes, que neste momento superan as corenta. As persoas interesadas poden seguir anotándose en comunicacion@carballo.gal ou na Biblioteca Rego da Balsa, e iránselles comunicando as datas de celebración dos próximos cursos, posto que o que iniciaremos a vindeira semana xa está completo.

Compartir: