25 DE FEBREIRO ÁS 11.30

A ARMH informará á veciñanza de Bértoa sobre os labores de investigación e prospección que se realizarán no cemiterio

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica traballa para a recuperación dos restos de catro persoas represaliadas pola ditadura franquista

Xoves 16 de febreiro do 2023

Imaxe do acto celebrado o día 5 no Foro Espiral Maior

Imaxe do acto celebrado o día 5 no Foro Espiral Maior

A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) pretende achegar á veciñanza toda a información relativa ao proceso de investigación e prospección que está previsto realizar no cemiterio parroquial de Bértoa para recuperar os restos de catro persoas represealiadas pola ditadura franquista. Despois da concorrida charla que se celebrou o pasado día 5 no Foro Espiral Maior, o proceso informativo da ARMH continúa agora na propia parroquia de Bértoa. Coa finalidade de resolver todas as dúbidas que poidan presentarse, o sábado 25 de febreiro, ás 11.30 horas, celebrarase no centro social un encontro aberto a toda a veciñanza.

Co título As vítimas de Queo de Arriba e soterradas no cemiterio de Bértoa: o traballo de investigación e prospección, a voceira da ARMH, Carmen García-Rodeja, ofrecerá todos os detalles sobre o proceso en marcha. A representante da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica estará acompañada por María Jesús Fraga Cambón, vogal da Asociación de Veciños As Landras, e por Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

Segundo explican dende a ARMH, que leva máis de vinte anos investigando e traballando para a recuperación das persoas represaliadas pola ditadura franquista, “a instancia da familia e a veciñanza investigouse o caso de catro veciños da Coruña que foron secuestrados e asasinados. Os corpos con feridas de bala apareceron o día 29 de setembro de 1936 no Campo de Morgade, en Queo de Arriba, e foron soterrados no cemiterio de Bértoa”.

Esas catro persoas eran Juan Boedo Pardo, un gasista de 28 anos; Andrés Pinilla Fraga, conserxe do Colexio de Notarios da Coruña, de 52 anos; Pedro Pinilla Calvete, mecánico de 21 anos, e Francisco Miguel Fernández Díaz, pintor, ilustrador e crítico de arte. Sobre estes catro coruñeses e sobre o proceso de investigación e traballo arqueolóxico para recuperar os seus restos falarase no acto aberto do día 25, no que se recollerán as suxestións e se atenderán as dúbidas que poida ter a veciñanza.

Compartir: