Inicio Áreas Participación veciñal Novas “Actívate no inverno” arrincou...

“Actívate no inverno” arrincou en Aldemunde con case 20 participantes no curso de manexo dos teléfonos móbiles

O programa, promovido polo Concello de Carballo en colaboración con entidades veciñais e consellos parroquiais, continuará en San Miguel de Vilela

Xoves 26 de xaneiro do 2023

O alcalde asistiu a unha das sesións formativas

O alcalde asistiu a unha das sesións formativas

O programa Actívate viaxou dun extremo a outro do noso extenso concello, dende Noicela e Rebordelos ata Aldemunde, para seguir dinamizando as nosas parroquias coa colaboración das entidades veciñais e dos consellos parroquiais. O alcalde, Evencio Ferrero, quixo achegarse ata o centro social para compartir un anaco de tarde coa veciñanza.

Malia ser a parroquia máis pequena e menos poboada do concello, en Aldemunde están a participar no obradoiro de manexo dos teléfonos móbiles case vinte persoas (19 para ser exactos), proba do gran interese que espertou a iniciativa e da implicación da Asociación de Veciños de Aldemunde de Arriba para dala a coñecer entre a poboación.

Ademais de achegar unha formación moi útil ás persoas maiores, para o cal contamos de novo coa Cruz Vermella de Carballo, o curso de manexo do teléfono móbil tamén se converte na primeira actividade que acolle a antiga escola unitaria, reformada durante a pandemia para ser reconvertida en centro social e punto de encontro para toda a veciñanza.

O curso rematará o día 31, pero o programa Actívate no inverno continuará durante a primeira quincena de febreiro con tres talleres teórico-prácticos. O día 1, coa colaboración da Policía Local, falarase sobre seguridade viaria; o 8, sobre compostaxe doméstica, e o 15, sobre primeiros auxilios no fogar, coa participación de Protección Civil. Todas as sesións comezarán ás 17.00 horas, con entrada libre para todas as persoas interesadas.

No centro social poden verse fotografías de Antonio Fernández

No centro social poden verse fotografías de Antonio Fernández

De xeito paralelo, durante a celebración de todo o programa de actividades poderá verse no centro social unha exposición de fotografías de Antonio Fernández, entre elas unha do dolmen de Pedra Moura, situado na parroquia de Aldemunde, que é unha das xoias do patrimonio culltural da comarca de Bergantiños.

Todas as actividades están abertas á participación da veciñanza de todo o concello, do mesmo xeito que dende calquera parroquia, ben a través do consello parroquial ou ben a través do movemento asociativo, pode solicitarse a organización de programas semellantes. Así veñen de facelo dende a asociación de veciños e o consello parroquial de Vilela, que será a próxima estación do programa Actívate.

Os días 14, 16 e 23 de febreiro, de 16.00 a 18.00 horas, realizarase o curso de manexo dos teléfonos móbiles. As persoas que queiran participar aínda están a tempo de inscribirse, ou ben poñéndose en contacto coa asociación de veciños ou ben enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.

Compartir: