Inicio Áreas Participación veciñal Novas A Concellaría de Mocidade e...

A Concellaría de Mocidade e Protección Civil de Carballo participan na campaña de ADOS "Súmate ao noso equipo" co obxectivo de superar as 1.156 doazóns do ano 2020

Carballo ten un índice de 37 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, polo que o obxectivo pasa por aumentar o número de doazóns e renovar a actual base de doantes do concello

Mércores 4 de agosto do 2021

Carlos Areal, Maruxa Suárez, Evencio Ferrero e Javier Souto

Carlos Areal, Maruxa Suárez, Evencio Ferrero e Javier Souto

O Concello de Carballo e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) están a promover o desenvolvemento da campaña “Súmate ao noso equipo”, que achega o solidario xesto da doazón de sangue a todos os recunchos da xeografía galega. A iniciativa foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa que tivo lugar na Casa do Concello de Carballo, e que contou coa presencia do alcalde, Evencio  Ferrero; o xefe do área de sangue e compoñentes sanguíneos de ADOS, Carlos Areal Méndez; a concelleira de Mocidade, Maruxa Suárez, e o xefe do servizo de Protección Civil, Javier Souto, que leva “moitos anos” participando na campaña tanto directamente como a través da difusión nas praias.

A solidariedade dos veciños e veciñas de Carballo no 2020 reflíctese nas 1.156 doazóns rexistradas nun ano que estivo condicionado polas particulares circunstancias derivadas da pandemia pola COVID-19. Pero queremos que sexan moitas máis, e por iso nesta ocasión tamén se suma á iniciativa a Concellaría de Mocidade para “captar” a novos doantes. “A mocidade carballesa é moi solidaria, e por iso queremos facer un chamamento ás persoas maiores de 18 anos para que acudan, porque é moi importante e poden salvar moitas vidas”, subliñou Maruxa Suárez.

Aínda que non é imprescindible, recoméndase pedir cita previa no teléfono gratuíto 900100828

Desde ADOS salientaron o agradecemento tanto á corporación municipal como a Protección Civil e a toda a veciñanza polo seu apoio e compromiso durante estes meses e solicitaron a súa activa participación nesta campaña, que abrangue os meses de xuño a setembro e por en valor a taxa de 37 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano acadada por Carballo.

O obxectivo de “Súmate ao noso equipo” pasa por acadar entre 400 e 500 doazóns diarias, precisas para garantir o axeitado desenvolvemento do intenso labor asistencial dos nosos centros hospitalarios. Nese sentido, o alcalde apelou ao esforzo da cidadanía para conseguir superar a ratio de 40 doazóns por 1.000 habitantes recomendada pola OMS. "Facemos un chamamento á poboación e tamén ás persoas que nos visitan a que fagan ese xesto solidario, que salva vidas e que garante que se poida prestar a atención hospitalaria", insistiu Evencio Ferrero.

Campaña na Praza do Concello

A unidade móbil de ADOS estará na Praza do Concello os días 5 e 6 de agosto das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00, así como o sábado 7 de agosto das 10:00 ás 15:00 horas, para atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña. ADOS lembra que para doar sangue, debemos ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue. Carlos Areal, que definiu a unidade móvil de ADOS como “o símbolo da solidariedade”, animou á poboación a participar, e recalcou que a doazón é un acto seguro, que se realiza con todas as medidas de prevención sanitaria. Nesta ocasión, ademais do habitual refrixerio que se ofrece ás persoas que acoden a doar, o Concello de Carballo distribuirá tamén caramelos con forma de corazón, símbolo do #carballosolidario.

Aínda que non é imprescindible, dende ADOS recoméndase pedir cita previa no teléfono 900100828.

Compartir: