Inicio Áreas Participación veciñal Novas O CCA aposta polas tradicións...

OS ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES ABRIRÁN OS SÁBADOS POLA TARDE

O CCA aposta polas tradicións para incentivar as compras no comercio local durante as festas de Nadal

As visitas de Papá Noel e os paxes dos Reis Magos e unha recompensa por compras a partir de 5€ en forma de castañas son as principais propostas

Mércores 11 de decembro do 2019

A presentación da campaña realizouse na rúa Coruña

A presentación da campaña realizouse na rúa Coruña

Este Nadal en Carballo convivirán, e complementaranse, dúas campañas comerciais. Por unha banda, a que presentará mañá a Concellaría de Promoción Económica, e, pola outra, a que deu a coñecer hoxe o Centro Comercial Aberto (CCA). As dúas perseguen o mesmo obxectivo: conseguir que Carballo sexa o gran centro comercial de referencia para toda a comarca durante as festas e incentivar o consumo nos establecementos de proximidade.

As propostas do CCA susténtase en tradicións tan arraigadas coma a visita de Papá Noel, que virá expresamente dende Laponia para percorrer as rúas e as tendas os días 20 e 21 de decembro pola tarde e o 22 pola mañá. Os Reis Magos non poderán estar en Carballo ata o día 5, pero os seus paxes reais visitaranos os días 2, 3 e 4 de xaneiro pola tarde. “Foi unha negociación moi custosa, pero ao final ímolos ter, tanto a Papá Noel coma aos paxes reais”, sinalou o presidente do CCA, Ricardo Pallas, na presentación da campaña.

Pero ademais haberá outro “incentivo” que tamén ten moita tradición e moito sabor, porque todas as compras que se realicen os sábados por importe igual ou superior a 5 euros serán recompensadas cun cucurucho de castañas. Os consumidores recibirán un vale que poderán cambiar no posto do castañeiro situado no cruce das rúas Coruña e Desiderio Varela os sábados 21 e 28 de decembro e o 4 de xaneiro, de 17.00 a 20.30 horas.

As fines de semana serán de moita actividade para o comercio, porque os establecementos participantes abrirán eses tres sábados pola tarde e o domingo 5 de xaneiro, véspera de Reis, todo o día.

Para a veciñanza será moi doado identificar os locais que forman parte da campaña, porque ás portas de cada un deles haberá unha caixa de correo de cor vermella na que os nenos e as nenas poderán depositar as súas cartas para Papá Noel, O Apalpador e os Reis Magos.

Presentación

Hoxe presentouse o contido da campaña, na que colaboran o Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, nun acto no que participaron varios comerciantes, o concelleiro de Promoción Económica e o alcalde.

Xosé Regueira felicitou ao CCA polo labor que está a facer, e por conseguir “que este centro comercial que é a vila de Carballo non teña nada que envexar a outros centros comerciais que por ter tellado parece que son máis atractivos”. Pero, ademais de contar cun excelente comercio, “comprar nas rúas do teu pobo é un aliciente máis”, asegurou o concelleiro de Promoción Económica. “A min gustaríame que a xente reflexionara sobre que serían as festas de Nadal sen o comercio nas rúas de calquera vila. Evidentemente non sería a mesma festa, e polo tanto o comercio tamén cumpre unha función social”.

Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou “o esforzo que está a facer o comercio local, trasladando unha imaxe alegre, moi visual, de compromiso, para poñer moi atractivos os comercios. Hai moi poucas vilas da dimensión de Carballo que teñan a capacidade creadora e de escaparatismo que hai en Carballo, e iso é tremendamente positivo, porque a imaxe que se traslada do comercio local é moi innovadora, moi creativa”.

Tanto o alcalde como o concelleiro expresaron a súa confianza en que este Nadal sirva para reforzar o comercio local como un dos piares da economía carballesa e como referente para toda a comarca.

Compartir: