Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Verdillo pon o...

O Consello Parroquial de Verdillo pon o foco na mellora da rede viaria e dos servizos de abastecemento de auga e saneamento

Boa parte das peticións relacionadas coas vías van orientadas á colocación de sinais e outros elementos que contribúan á redución da velocidade dos vehículos

Luns 18 de novembro do 2019

O Consello Parroquial de Verdillo reuniuse o venres 15

O Consello Parroquial de Verdillo reuniuse o venres 15

A rede viaria e os servizos urbanísticos centraron o Consello Parroquial de Verdillo, no que durante hora e media fíxose un detallado repaso ás propostas veciñais.

En canto ás vías de comunicación de titularidade municipal, a que máis deu que falar foi a que une O Moucho co cemiterio de Bértoa, fundamentalmente porque despois das obras de aglomerado quedaron as gabias máis profundas e ao mellorar o pavimento aumentou a velocidade dos vehículos. A veciñanza pensa que a vía debería ser máis ancha e dispoñer dunha senda peonil, ademais de solicitar a retirada de algunhas árbores das beiras. A maiores, o Consello Parroquial presentou dúas peticións relacionadas coa seguridade viaria: a colocación dun espello no cruce das Galleguiñas e a instalación de lombos redutores da velocidade na estrada da Piña.

Polo que se refire á estrada provincial DP-1904, demándase a sinalización dos lombos colocados pola Deputación da Coruña xunto á escola do Moucho e a igrexa e o repintado da zona de estacionamento para persoas con mobilidade reducida situada xunto á igrexa.

A outra gran demanda é a extensión das redes de auga e saneamento. Neste sentido, a veciñanza interesouse polas previsións do Concello, e o alcalde, Evencio Ferrero, explicou que está practicamente listo un proxecto para completar os servizos, e que en función do orzamento decidiranse os prazos de execución.

Entre as peticións recollidas polo Consello Parroquial de Verdillo na asemblea veciñal previa figuran a ampliación dos vestiarios do campo de fútbol das Pedreiras, a substitución da rede de peche das pistas polideportivas e o estudo da posible solución ás humidades do local social. Así mesmo foron solicitados dous puntos de luz e a colocación ou reposición de varios sinais.

Compartir: