Inicio Áreas Participación veciñal Novas O Consello Parroquial de Sísamo...

O Consello Parroquial de Sísamo insiste en que a travesía dende Carballo é a gran prioridade e pide que se axilice

Ampla participación veciñal na primeira xuntanza do mandato, que se prolongou durante dúas horas e non estivo exenta de debate

Venres 11 de outubro do 2019

O Consello Parroquial de Sísamo reuniuse o día 9

O Consello Parroquial de Sísamo reuniuse o día 9

Por se puidese quedar algunha dúbida, o Consello Parroquial de Sísamo volveu a insistir na xuntanza celebrada esta semana en que a travesía dende Carballo é a obra prioritaria para a parroquia, polo que a veciñanza quere que se axilice. Nestes momentos está en execución a segunda fase, dende o remate da primeira ata a intersección coa rúa Nacente, e o alcalde informou de que por parte do Concello xa se entregou na Deputación da Coruña o proxecto da terceira e última, ata o lugar do Outeiro, e que existe o compromiso da institución provincial de incluír a partida precisa para a súa execución nos orzamentos do ano 2020.

A desconfianza dos veciños e veciñas, que, como dixeron en repetidas ocasións, levan máis de 30 anos demandando a mellora da principal vía de acceso á parroquia, provocou un intenso e prolongado debate, que se estendeu a outras obras tamén.

A xuntanza, moi concorrida e participativa, prolongouse durante dúas horas. O gran obxectivo do Consello Parroquial é a mellora da mobilidade con actuacións que van máis alá da travesía: pasos de peóns, lombos redutores da velocidade, arranxos de pistas, aglomerado de varios núcleos, beirarrúas, acondicionamento de camiños de zahorra e limpeza de cunetas foron as principais demandas presentadas.

A veciñanza foi moi crítica coa demora da obra de saneamento e abastecemento de auga nos lugares de Figueroa e Outeiro, que está adxudicada e pendente de iniciar. A maiores quere que se leve a rede de auga tamén a Ramil e O Espiño. Así mesmo, urxiron ao Concello a rematar o acondicionamento do terreo para aparcadoiro adquirido meses atrás.

Outra das grandes preocupacións do Consello Parroquial de Sísamo é o local social, que aseguran que resulta insuficiente para a actividade que se desenvolve nel. Por unha banda estase a estudar unha posible ampliación, pero tamén existe a posibilidade de buscar un emprazamento alternativo para a construción dun novo edificio dadas as escasas posibilidades de crecemento que existen na situación actual.

A instalación dun desfibrilador no local social, a vixilancia dunha zona na que podería haber trapicheo de droga ou a retirada dun poste en Figueroa foron outros dos temas que se puxeron sobre a mesa.

Compartir: