Inicio Áreas Participación veciñal Novas A Asociación de Irmanamento con...

A Asociación de Irmanamento con LIsle Jourdain convídate a participar en Xullo francófono

Luns 8 de xullo do 2019

Este mes de xullo, ademais das actividades habituais como son o café conversación e o club de lectura, as persoas que o desexen poderán participar noutras interesantes actividades culturais repartidas ao longo de todo o mes organizadas pola Asociación de Irmanamento con L´Isle Jourdain en colaboración co Concello de Carballo.

Impresionismo

O xoves 18 de xullo, ás 19.00 horas, terá lugar un faladoiro sobre o Impresionismo no auditorio da biblioteca Rego da Balsa. Os ilustradores carballeses Mon Lendoiro e Cristina Castro presentarán as principais características deste movemento artístico francés da segunda metade do século XIX. Así mesmo farán un breve percorrido polas obras máis destacadas dunha selección de pintores representativos desta corrente, como Degas, Manet, Monet, Renoir ou Pissarro. O monográfico está dirixido ao público en xeral e aos amantes da arte en particular.

Lendas de Suíza

O sábado 20 de xullo ás 11.30 horas terá lugar, no auditorio da biblioteca Rego da Balsa, o monográfico: Lendas de Suíza. Consistirá na narración de varias lendas do país helvético, algo que seguro fará as delicias de todos aqueles que estivesen alí nalgunha ocasión, como tamén de todos os que teñan curiosidade sobre este tipo de historias. O idioma usado será o francés como país francófono que é. Está pensado para todos os públicos.

Danza e percusión malinkés

Dentro da francofonía africana podemos atopar países do oeste de África como Guinea Conakry, Burkina Faso ou Mali. Todos eles comparten a cultura do djembe e as danzas que acompañan a este instrumento de percusión. Estamos a falar da danza e percusión malinkés. 

O sábado 27 de xullo, ás 12.00 horas, na Praza do Concello, todas as persoas interesadas poderán gozar dun concerto didáctico de danza e percusión malinkés. Imparten o concerto didáctico músicos do grupo Perfusión e Tania Veiga, profesora de danza malinké. Trátase de achegar esta cultura á cidadanía carballesa e aportar unha cara diferente sobre o continente africano, facendo ás espectadoras e espectadores, partícipes; tal e como manda a tradición malinké.

Compartir: