Inicio Áreas Participación veciñal Novas Os consellos parroquiais de Rus e...

Os consellos parroquiais de Rus e Ardaña trasladan ao Concello todo tipo de propostas recollidas nas asembleas veciñais previas

A vindeira semana será a quenda de Goiáns e Razo

Venres 22 de febreiro do 2019

Luis Lamas presidiu o Consello Parroquial de Rus

Luis Lamas presidiu o Consello Parroquial de Rus

Os consellos parroquiais de Rus e Ardaña, celebrados o mércores e o xoves, respectivamente, convertéronse en altofalantes das asembleas veciñais que se celebraron previamente en ámbolos dous casos e con moita participación.

A maioría das propostas refírense a cuestións de escasa envergadura, como un espello roto, un sinal caído ou un foco que hai que repoñer. Pero tanto nunha parroquia coma na outra falouse tamén de proxectos máis importantes.

En Rus, onde a reunión estivo presidida polo concelleiro Luis Lamas ao non poder asistir o alcalde, a prioridade é a seguridade viaria, tanto no cruce da Canosa coma na vía provincial que comunica a estrada de Santiago, tamén da Deputación da Coruña, co local social. A veciñanza solicita a construción de beirarrúas por unha marxe, e o Concello de Carballo elaborou xa unha listaxe de propietarios/as afectados/as, xa que a cesión de terreos sería imprescindible para acometer a obra, pero aínda non se ten avanzado nese sentido, á espera de decidir por que marxe se construiría a beirarrúa.

A mellora do equipamento do centro social e a cobertura de Internet foron outras dúas peticións reiteradas.

O Consello Parroquial de Ardaña reuniuse o xoves

O Consello Parroquial de Ardaña reuniuse o xoves

En Ardaña está en marcha unha das prioridades fixadas en reunións anteriores: o soterramento dos cables e a pavimentación de todo o recinto do Centro Social, un proxecto que inclúe, ademais, o acceso ao cemiterio.

A veciñanza puxo en coñecemento dos representantes políticos varias deficiencias na rede viaria, xa que nesta parroquia aínda non remataron os traballos de asfaltado integral. O alcalde, Evencio Ferrero, sinalou que a partir de agora é preciso establecer as novas prioridades entre as actuacións máis demandadas, como a pavimentación con cemento de determinados núcleos, a traída de auga a Quintáns ou o saneamento de Estévez e Castro.

Compartir: