Inicio Áreas Participación veciñal Novas A estrada de acceso á praia e o...

A estrada de acceso á praia e o abastecemento de auga son as prioridades para o Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos

Na primeira reunión conxunta expuxéronse os asuntos comúns e as peticións individuais de cada unha das parroquias

Sábado 17 de novembro do 2018

A reunión celebrouse no Centro Social de Imende

A reunión celebrouse no Centro Social de Imende

O Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos celebrou onte a súa primeira reunión tras a fusión. O Centro Social de Imende será a sede das xuntanzas, segundo informaron as representantes veciñais, se ben as asembleas veciñais previas poderán celebrarse indistintamente neste local ou na antiga escola de Noicela. Esta primeira sesión comezou cunha petición para establecer canles de comunicación permanentes entre o consello e o Concello e coa exposición das necesidades que ámbalas dúas parroquias consideran prioritarias: a estrada de acceso á praia e o abastecemento de auga.

Con respecto á primeira falouse das xestión realizadas ata o momento, froito das cales conseguiuse a cesión dunhas 210 das 250 fincas, aproximadamente, que resultarían afectadas polo ancheamento da calzada. “Fíxose un esforzo moi grande para falar con todos os propietarios”, asegurou o alcalde, que quixo agradecer o labor de Ángel de la Fuente nese sentido. Pero ese esforzo non foi suficiente para conseguir polo menos un treito con certa continuidade, polo que a Deputación da Coruña, titular da vía, non asumiría a obra, e tampouco semella demasiado viable a expropiación. Con este panorama, o consello acordou que se facilitará á veciñanza un listado de propiedades para que sexan os propios veciños os que intenten xestionar a súa cesión. No caso de que non se consiga tamén se falou da posibilidade de acondicionar a vía co ancho actual.

Polo que se refire á auga, arredor da cal xerouse un gran debate, Evencio Ferrero apuntou que nos orzamentos do 2019 incluirase a primeira fase da extensión da rede dende Razo ata Lema, e que o treito restante quedará para seguintes anualidades. Para a veciñanza non é suficiente, dados os problemas de abastecemento, e insistiu en que se reitere a solicitude a Augas de Galicia para ou ben colaborar nese proxecto ou ben aproveitar a rede que abastece Caión, segundo o que se considere tecnicamente máis viable. O alcalde comprometeuse a solicitar unha entrevista coa nova presidenta de Augas de Galicia.

A veciñanza referiuse a outros temas de interese común para as dúas parroquias, coma o plan especial da Pedra do Sal, a colocación de puntos de luz, a limpeza de cunetas ou o acceso a Internet.

Peticións individuais

Polo que respecta ás peticións individuais, en Noicela seguen insistindo na necesidade dun terreo para aparcadoiro xunto á igrexa, e mentres tanto propoñen unha regulación do tráfico que facilite a circulación, sobre todo cando hai enterros. Tamén se interesaron polos trámites para actuar en relación a un solar abandonado e convertido en foco de insalubridade, o emprazamento do parque infantil, o sobreancho na ponte de Feixe despois de que se cortasen as árbores que impedían a visibilidade ou a organización de máis actividades no centro social.

En Rebordelos solicitaron algúns arranxos de pouca importancia, ademais da colocación dun quitamedos na estrada de Sambade, o saneamento para Constenla e O Campo ou a pavimentación do núcleo de Imende. Ademais comentaron que segue habendo problemas co código postal.                                                              

Compartir: